Unha experiencia íntima coa paisaxe de Galicia. Nunha viaxe moi persoal por 23 espazos.
Esta obra recolle unha viaxe moi persoal por Galicia. Ao longo de 23 etapas, o autor transmítenos a súa experiencia íntima, directa e fonda coa paisaxe que o rodea: as fragas do Eume, Fisterra, Montefurado, Pambre, Cortegada, San Simón, a Raia ourensá ou o Pico Sacro son algunhas das estadías. Os bosques vizosos, os pobos dos emigrados, os cumios na brétema, os regueiros máxicos... Todos eles son interiorizados na prosa poética de Xosé Manuel Lobato. Espazos místicos, ás veces caóticos, no lindeiro entre o real e a ficción. “Máxico tear natural talvez recolle unha utopía —afirma o autor na introdución— talvez o paraíso ideal, ou unha realidade descoñecida para unha gran maioría. O libro pretende sobrevoar o herdo patrimonial de Galicia, refractada a súa realidade —e tamén idealismo— nun feixe de textos que abrollan espontaneamente dende unha perspectiva de intensos contrastes”.
XOSÉ MANUEL LOBATO MARTÍNEZ (Lestedo-Boqueixón, 1958): “Nacín, crieime e formeime no halo místico do ar que protexe o contorno do Pico Sagro”. Manifesta que foi capturado por unha especie de magnetismo: o legado natural e intransferible que é Galicia. É autor dos libros Autoconcepto en hijos de emigrantes (2001), Diáspora.com (2002) e Cos pés na peneira (2005). En 2009 publicou Retorno a Natura (Alvarellos Editora)