Alvarellos Editora lanza este outono cinco Libretas lorquianas. Trátase de cinco modelos ilustrados con debuxos que realizou o propio Federico García Lorca en Santiago de Compostela en maio de 1932.
Os orixinais pertencen á Biblioteca do escritor e amigo de Lorca Carlos Martínez-Barbeito (A Coruña, 1913-1997) e permanecen hoxe no Arquivo da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.
Foron cinco debuxos que Federico García Lorca incluíu como dedicatorias dos seus libros en dous exemplares para Martínez-Barbeito, un de Canciones e outro do Romancero gitano. Segundo testemuño do propio receptor, o poeta andaluz debuxounas en maio de 1932 no hall do Hotel Compostela onde se hospedaba, e utilizando dúas plumas estilográficas prestadas polo seu amigo galego.
Estas cinco ilustracións aparecen publicadas e comentadas –xunto con outras tamén realizadas en Composela– no libro Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora, 2020) de Henrique Alvarellos, que saíu á luz en outubro de 2020.
Cada un dos modelos de libreta leva un nome identificativo: Pierrot, Biface, Negrita, Floreiro e Cereixas, facendo referencia aos motivos que as ilustran.
García Lorca era tamén un orixinal e inspiradísimo artista plástico. Nos seus debuxos composteláns emprega técnicas superrealistas e liñas delicadas, aparecen elementos florais, rostros bifaces, e sobrevoa nalgúns deles a omnipresente idea da morte e do fracaso que define boa parte da súa obra poética e dramática.
COIDADA EDICIÓN E PRESENTACIÓN
As novas libretas lorquianas están cosidas a fío, teñen 64 páxinas e unha coidada presentación e edición con cartolina de capa Masterblank liño de 270 gr. e papel interior Coral Book W de 90 gr.
Pódense adquirir a través da web de Alvarellos Editora, www.alvarellos.info, e serviranse baixo pedido ás librarías que as soliciten.
Federico García Lorca (Fuente Vaqueros-Granada, 1898 – Víznar/Alfacar-Granada, 1936) é hoxe o poeta español máis lido de todos os tempos, autor tamén en lingua galega dos Seis poemas galegos (1935). Integrante da castelá Xeración do 27 e da galega Xeración dos Novecentistas, é autor dunha selecta obra en verso (onde sobrancean os poemarios Romancero gitano, Poema del cante jondo ou Poeta en Nueva York) e teatral (con obras como Bodas de sangre, Yerma ou La Casa de Bernarda Alba). A súa poesía conecta dun xeito único a tradición popular coa vangarda. En 2018, coincidindo cos cen anos da publicación do seu primeiro libro (Impresiones y paisajes) e os 120 do seu nacemento, celebrouse, o 25 de outubro, o primeiro “Día de García Lorca en Galicia”, promovido por Alvarellos Editora. Ademais de escritor, cultivou unha orixinal e inspiradísima faceta de debuxante ou ilustrador, da que estas libretas lorquianas son unha pequena mostra. (Na imaxe, Garcia Lorca en Betanzos en maio de 1932).
![]() |
Libreta lorquiana modelo FROITOS |
Prezo: 3,9 € |
![]() |
Libreta lorquiana modelo NEGRITA |
Prezo: 3,9 € |
![]() |
Libreta modelo LUCUS |
Prezo: 2,6 € |
![]() |
LIBRETAS LITERARIAS |
Prezo: 12 € |
![]() |
Libreta modelo CASTELAO |
Prezo: 2,6 € |
![]() |
[AGOTADA] Libreta modelo SEREA |
Prezo: 2,6 € |
![]() |
Libreta lorquiana modelo FLOREIRO |
Prezo: 3,9 € |
![]() |
Libreta lorquiana modelo BIFACE |
Prezo: 3,9 € |