Todos os castelos encerran historias, pero a do Castelo de Soutomaior é moi especial. O historiador Diego Piay Augusto rescátaa no seu novo libro O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias (Alvarellos Editora-Deputación de Pontevedra) que ve a luz no verán de 2020, publicado en tres idiomas (galego, castelán e inglés).
A fortaleza de Soutomaior elévase maxestosa e en silencio, dominando o val do río Verdugo, na provincia de Pontevedra. O seu pasado agóchase tras unhas robustas murallas e remóntase ata o século XII. A fascinación que suscita este lugar atravesou todas as etapas da súa historia e chega ata os nosos días. Propietarios e visitantes ilustres deixaron aquí unha imborrable pegada e forman xa parte para sempre do Castelo de Soutomaior.
Este libro non é un ensaio histórico, nin unha guía ao uso, senón unha obra ilustrada que nos levará a descubrir un castelo que pasou de ser centro de poder na Galicia medieval a caer no esquecemento, e rexurdir novamente a finais do século XIX.
MÁIS DE CEN FOTOGRAFÍAS, ILUSTRACIÓNS E DOCUMENTOS
Unha narración enriquecida con multitude de anécdotas e informacións descoñecidas ata hoxe, e que inclúe máis dun centenar de fotografías (históricas e actuais), ilustracións e planos que somerxerán ao lector na historia dun dos monumentos máis sobresaíntes das Rías Baixas.
Diego Piay Augusto (Pontevedra, 1979) é licenciado en Historia coas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga. É profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e traballa así mesmo como arqueólogo desde hai máis de vinte anos. Deste xeito, dirixiu intervencións ou participou en escavacións emblemáticas como Pompeia ou Piazza Armerina. É autor dos libros Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Cristiano (2018) e María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas á sombra dun castelo (Alvarellos Editora, 2019).
![]() |
El Castillo de Soutomaior [Ed. en castelán] |
Prezo: 20 € |
![]() |
POEMAS DEL DIEZ DE MARZO |
Prezo: 17 € |
![]() |
FALANDO CLARO |
Prezo: 15 € |
![]() |
NO TEMPO DE 'FOLLAS NOVAS' |
Prezo: 18,5 € |
![]() |
LA PEREGRINACIÓN A SANTIAGO DE DIEGO DE GUZMÁN |
Prezo: 20 € |