A poesía que todo o nomea: o amor, o desamor, a paisaxe, o tempo... Eixes sobre os que transcorre, fuxe, o noso vivir. Sentimentos recreados en trinta e cinco composicións poéticas, construídas baixo a aparente sinxeleza, musical e perfecta, do soneto. “Soneto do desacougo”, “Soneto dende un Boeing 747”, “Soneto da eterna amizade”, “Soneto da seca”...
María Xosé Lamas mergúllase na utopía e poetiza a vida, o día a día e, tamén, os seus desvelos. Esta obra recibiu o Segundo Premio do Certame Literario do Concello de Vilalba na súa edición nº 42.
Ver interior
PDF [Ficha + nota de prensa]
María Xosé Lamas (Vilalba, 1961). Diplomada en Profesorado de Primaria, Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, Postgrao en Educación Musical e Primeiro Ciclo do Grao Medio de piano, é na actualidade profesora de Educación Musical. Dende 1979 desenvolveu unha intensa labor no ámbito do teatro afeccionado como directora de varias compañías, actriz, tradutora, adaptadora e autora de numerosas pezas teatrais inéditas, mais case todas representadas. O seu primeiro libro de poesía, Catro palabras caladas, foi editado no 2001 e reeditado ao ano seguinte. A este seguirán Datando lembranzas (2004), Ao norte do camiño (2004), Con Fausto, por este río acima (2010) e Cantigas para aprender a soñar (2015). Conta con diversos premios literarios, a parte dos acadados na súa etapa de estudante: Accésit, Primeiro e Segundo premios no Certame Literario do Concello de Vilalba nos anos 2002, 2003 e 2016, respectivamente, e Premio Arume de Poesía Infantil da Asociación Neira Vilas no 2013.