• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Quique Alvarellos

Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago (1991) e Máster en Medios de Comunicación pola Universidade da Coruña/La Voz de Galicia (1994). Xornalista, escritor, editor e xestor cultural, é autor de varios libros, entre os que destacan Territorio auroral. 36 memorias vivas de Compostela (1997), Teoría de Lugo (2004), Galicia en cen prodixios (2004), Diario dun pai acabado de nacer (2008), Santiago, 1909 (2009), Balada ceibe no bosque de Conxo (2018), o conto infantil  A nena que abrazaba as árbores (2020), ilustrado por Xulia Nieto, e Federico García Lorca en Santiago de Compostela (2020).

Desde 2004 dirixe Alvarellos Editora, a empresa cultural que fundara seu pai en Lugo en 1977 e que hoxe é a vicedecana das editoras galegas. Define a súa empresa (que desde 2009 ten a súa sede en Santiago de Compostela, na rúa de Sempre en Galiza), como ‘factoría de contidos culturais’, unha editora que recibiu nos últimos anos, entre outras distincións, o Premio Manuel Beiras (2016) pola súa defensa da lingua galega, o Irmandade do Libro (en dúas ocasións 2008 e 2014) outorgado pola Federación de Librarías de Galicia, ou Premio á Edición histórica (2007) da Asociación Galega de Editoras. Ademais, varias das publicacións de Alvarellos Editora recibiron o recoñecemento dos Premios da Edición de Galicia ou foron finalistas en diferentes categorías da Gala do Libro Galego.

Quique Alvarellos na editorial

[Datos actualizados a outubro de 2020].

Henrique Alvarellos é tamén autor de centos de artigos e crónicas na prensa galega dende finais dos anos oitenta e impulsor de iniciativas culturais como a conmemoración do centenario da Exposición Rexional Galega de 1909 (mediante unha gran exposición fotográfica comisariada e montada por el, en 2009), a apertura do Bosque do Banquete de Conxo (2018) ou a posta en marcha do 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia, onde participaron, na primeira edición, celebrada en 2018, centos de escolares, institucións e particulares, de toda Galicia.
Desde decembro de 2020 é presidente da Asociación Galega de Editoras, o colectivo que agrupa o 90% da produción editorial de Galicia.