14,90 

Santiago de Compostela desde dentro [Edición en galego]

Unha guía sensible, ecolóxica, feminista e cultural da capital de Galicia

 

108 pp . 12 x 22 cms.
ISBN 978-84-16460-62-5
Cosida.

 

Seguindo a liña doutras guías sensibles e respectuosas coa contorna que viron a luz nos últimos anos en varias cidades de Europa, Alvarellos Editora publica Santiago de Compostela desde dentro, de Marilar Aleixandre. Unha guía alternativa, sensible, ecolóxica, feminista e literaria de Compostela.

É outra forma de descubrir unha cidade. De percorrela, sentila e apreciala. Esta guía ilustrada convida a coñecer Santiago de Compostela dun xeito diferente. Unha proposta para viaxeiras e viaxeiros sensibles, que queiran tanto gozar como aprender, ou gozar aprendendo.

A prestixiosa e premiada escritora e académica Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) lévanos da man polos territorios máis amenos desta capital de Galicia, mais tamén transita polas paisaxes da imaxinación.

Deste xeito, apalparemos a pedra, escoitaremos a natureza, camiñaremos –entre rúas e bosques– a carón de Rosalía de Castro, Federico García Lorca ou Ramón del Valle-Inclán, e sairán ao paso as mil historias que foron construíndo Compostela.

A autora traza Nove Visitas Singulares e logo Catro Itinerarios moi sedutores, un Territorio das mulleres e un Calendario de Árbores, Flores e Festas. 

Ademais, consellos prácticos sobre onde comer ou que doces ou artesanía mercar.

Santiago de Compostela desde dentro é a primeira guía sensible, íntima, diferente, desta sempre viva e nova cidade medieval.

305e4c92fa87
Compartir

Autoría

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) ten unha identidade escindida entre a bioloxía e a escrita, entre a investigación sobre argumentación na Universidade de Santiago de Compostela e a literatura. Talvez por iso a súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, 2002; Desescribindo, 2016, Mudanzas e outros velenos, 2017) e animais que exercen a rebelión (Ovella descarreirada, 2014). Acadou premios polos seus poemarios como o Esquío e o Caixanova-PEN por Mudanzas, unha reescrita das Metamorfoses desde a voz das mulleres. A súa narrativa foi premiada: o Álvaro Cunqueiro (A Compañía clandestina de contrapublicidade, 1997), ou o Xerais por Teoría do caos (2001). En canto a narrativa xuvenil, o Merlín e da Crítica, por A expedición do Pacífico (1995), o Caixa Galicia e White Ravens por A cabeza de Medusa (2008), sobre a violación social que segue á física, ou o Raíña Lupa por A filla do Minotauro (2018). En xaneiro de 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega. A finais de 2020 ten previsto publicar o ensaio Emilia Pardo Bazán: a muller indómita, escrito con María López Sández.