14,00 

Orixe orzánica das sereas todas

Unha Galicia imaxinada na que Urbano Lugrís ingresa en 1953 na Academia Galega da Lingua

 

Pp: 130. Formato 14 x 19,5 cms.
ISBN 978-84-16460-97-7

 

Presentamos unha moi orixinal proposta narrativa. Soñar mundos, imaxinar universos, debuxar ignotos ronseis… Velaquí a función, especialmente milagrosa, da literatura. Ser quen de reescribir vidas e tempos. O artífice deste libro, Rodrigo Osorio, proponnos nesta Orixe orzánica das sereas todas, un xogo marabilloso, un reto tamén. Os protagonistas son o pintor e escritor Urbano Lugrís González e o escritor Leandro Carré Alvarellos. Arredor deles, ou canda eles, deberemos mergullarnos na orixe orzánica das sereas todas, e deixar que o misterio das ondas nos leve polo vieiro dos soños.

Rodrigo Osorio, integrante do colectivo lugrisán In nave civitas, é un dos impulsores da reinvidicación da vida e obra de Urbano Lugrís. Nesta obra, Osorio soña unha Galicia ideal, imaxina como tería sido o noso país sen Franco, nin guerra, nin ditadura. Unha sociedade na que o xenial artista pronuncia o seu discurso de ingreso na Academia Galega da Lingua. É o 19 de novembro de 1953.

Compartir

Autoría

Rodrigo Osorio Guerrero (Ponferrada, León, 1977). Coñeceu a obra de Urbano Lugrís González cando estudaba Dereito en Compostela, grazas á exposición do Auditorio de Galicia de 1998. En 2012, reencontrouse co mestre no obradoiro literario impartido por Xurxo Souto –«Historias da cidade barco»– do que naceu o colectivo lugrisán In Nave Civitas, no que se integrou. Dende aquel ano fai parte da organización do Día Lugrís, unha homenaxe cidadá anual arredor do «pintor do mar». Tamén tivo a ledicia de colaborar coa asociación cultural O Mural na salvación do fresco que Lugrís pintou na rúa Real da Coruña. Escribiu: «Lugrís, un naúfrago da historia», «P. M. A. Unha interpretación ventureira. Como (non) nomear un fresco de Urbano Lugrís» e «O quebracabezas do descubrimento». Así mesmo, foi integrante do cadro de teatro de Cántigas da Terra co que representou dúas obras de Carré Alvarellos: Un caso compricado (2016) e O engano (2019).