20,00 

OBRA INÉDITA E ESQUECIDA

TEATRO, CONTOS, ENSAIOS E LENDAS, 1915-1972

 

Nº páxinas: 280
Medidas: 14×21
ISBN: 84–89323–04–6
Colección: “Rescate”
Encadernación: tapa dura
Introdución, escolma e notas: Xosé Manuel Maceira Fernández
Ilustracións: Galería gráfica de 8 páxinas con fotos, ilustraciós e manuscritos inéditos
Idioma: galego

 

Leandro Carré Alvarellos é un dos galeguistas máis esquecidos. Un home polígrafo, activista e cimentador da identidade de Galicia, e autor dunha obra moi extensa e inédita, ata agora, na súa maior parte. Alvarellos Editora recompila nesta nova publicación –que leva por título Obra inédita e esquecida– o mellor da súa produción: unha selección de ensaios, contos, pezas teatrais e lendas que abarcan dende o ano 1915 ata 1972.

Aparece, por exemplo, e por primeira vez íntegro, o seu manual de interpretación teatral de 1922 ou varias das súas célebres lendas tradicionais galegas, na súa primeira versión en galego, nunca editadas en Galicia ata agora. Todo este valioso material, xunto con outros textos, complétase cun amplo apartado gráfico: unha fotobiografía inédita, manuscritos, ilustracións do autor para a súa editorial… que proban o indiscutíbel labor e a fonda influencia cultural e social de Leandro Carré Alvarellos na Galicia do primeiro terzo do século XX.

Esta coidada edición, que se achega ás 300 páxinas, conta así mesmo cun limiar e notas do profesor Xosé Manuel Maceira Fernández, cuxa tese de doutoramento centrouse precisamente en Carré Alvarellos.

d2bd4e43045d
Compartir

Autoría

Leandro Carré Alvarellos (A Coruña, 1888-1976) foi discípulo selecto dos intelectuais da Cova Céltica, cofundador das Irmandades da Fala (1916), director-propietario da editorial Lar (1924-1928), ou dinamizador, creador e director teatral con importante repercusión nos escenarios galegos do primeiro terzo do século XX. Talvez o home que viviu máis intensamente a actividade teatral. É autor do Compendio de Gramática Galega (1919), dunha Gramática Gallega (1967) e do Diccionario Galego-Castelán (publicado en dous tomos nos anos 1928 e 1931), unha obra que tivo cinco edicións e contiña 29.500 entradas e un “Vocabulario castellano-gallego”. Foi represaliado polo franquismo: ademais da consabida marxinación estivo na cadea nos peores anos da represión (1937) e o seu fillo Leandro Carré Brandariz morreu na fronte de Asturias. Durante a ditadura, non obstante, non se mantivo quedo: colaborou co exilio, coas publicacións e a intelectualidade da diáspora. Membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega (académico correspondente en 1917 e numerario en 1945) e de varias institucións portuguesas. Gozaba dun considerábel prestixio internacional, tanto no campo filolóxico, lingüístico ou literario, coma no eido etnográfico. A correspondencia que se garda no seu arquivo persoal proba esa excelsa consideración que contrasta cun certo esquecemento interior.