22,00 

FERNANDO ALSINA E O SEU ‘DIARIO DE GUERRA’

[Segunda edición ampliada]

 

322 pp. 13 x 23 cms
ISBN 978-84-89323-81-0

 

**** 80 ANIVERSARIO GUERRA (IN)CIVIL 1936-2016****

Fernando Alsina González foi un destacado cirurxián na Compostela da primeira metade do século XX. Fundador do Sanatorio San Lorenzo (1920), alcalde de Santiago por un ano (1929), sería un dos asinantes en 1933 do famoso manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia. Foi, ademais, consogro do escritor Ramón del Valle-Inclán.

Entre setembro de 1936 e febreiro de 1937 estivo en diferentes puntos da fronte de guerra no bando franquista, nos que exerceu labores cirúrxicas. E deixou escrito un detallado diario que agora, oitenta anos despois, ve por fin a luz.

A recuperación deste documento —na que participaron activamente tres dos netos do doutor Alsina: Fernando López Alsina, Xaquín del Valle-Inclán Alsina e seu irmán Pancho— é todo un exercicio de memoria histórica. Da memoria dun home conservador, católico, que apoiaba a Franco, pero cuxa peripecia persoal está chea de matices, de afinidades galeguistas, e de complexos episodios profesionais e persoais.

O especialista Ricardo Gurriarán busca as claves do seu comportamento a través dunha reveladora biografía, ao tempo que analiza a fondo este Diario de guerra. O índice onomástico –con máis de 500 referencias– deste volume, así como as preto de cen fotografías e documentos da época, inéditos, que aquí se recollen (incluídos os do seu ano como alcalde), dan conta da envergadura desta obra.

SEGUNDA EDICIÓN AMPLIADA (DECEMBRO 2016)

Un ano despois da publicación da primeira edición (outono, 2015) abordamos en decembro de 2016 esta segunda, corrixida e ampliada. Nela incorpóranse imaxes e documentos inéditos de José Modesto Isaac Devesa Areosa, “Pepiño Areosa“, o home cuxo rostro nunca antes se vira. O seu corpo sen vida apareceu en Cacheiras (Teo) a carón do excalcalde de Santiago, Ánxel Casal, asasinados os dous aquel 19 de agosto de 1936. Sería precisamente Fernando Alsina quen levantase o cadáver da Areosa.

0d25cbc1bcc0
Compartir

Autoría

Fernando Alsina González (Santiago de Compostela, 1881-1952) foi un destacado cirurxián na Compostela da primeira metade do século XX. Fundador do Sanatorio San Lorenzo (1920), alcalde de Santiago por un ano (1929), sería un dos asinantes en 1933 do famoso manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia. Foi, ademais, consogro do escritor Ramón del Valle-Inclán. Entre setembro de 1936 e febreiro de 1937 estivo en diferentes puntos da fronte de guerra no bando franquista, nos que exerceu labores cirúrxicas. E deixou escrito un detallado diario de guerra que, oitenta anos despois ve por fin a luz.

 

Ricardo Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1953) é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago. Especialista na guerra civil española, na memoria histórica e no exilio, obtivo en 2007 o Premio da Crítica coa publicación da súa monumental obra Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1936). Tamén foi galardoado co Premio Tertuliano Hervella pola biografía de seu pai, o médico Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), represaliado na guerra civil. É autor así mesmo de Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 (2010), entre outros traballos. Comisario de exposicións, forma parte de equipos de investigación da USC e da Fundación 10 de Marzo, onde é director da área de Historia. En 2015 recibiu o Premio Peña Novo «polo seu traballo pedagóxico e o seu labor de investigación na procura da reconstrución da memoria colectiva».