19,80 

Federico García Lorca en Santiago de Compostela [Edición en Castellano]

Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles.

Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira
ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela.

FASCINADO POR COMPOSTELA

Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia­­, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de La Barraca. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.

Este libro é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade.
En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.

UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES

O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos. E conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron por manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.

Compartir

Autoría

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e Máster en Medios de Comunicación pola UDC/La Voz de Galicia. Dirixe desde 2004 Alvarellos Editora, a empresa cultural que fundara seu pai en Lugo en 1977 e que hoxe é a vicedecana das editoras galegas. Desde decembro de 2020 preside a Asociación Galega de Editoras (AGE), o colectivo que integra 42 selos editoriais, o 90% da produción do sector en Galicia. Antes de ser editor, Henrique Alvarellos exerceu durante 15 anos como xornalista e comunicador. Ademais, é autor de varios libros, entre os que destacan Teoría de Lugo, Galicia en cen prodixios, Diario dun pai acabado de nacer, o conto infantil A nena que abrazaba as árbores ou a crónica Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Foi impulsor de iniciativas como a apertura ao público do Bosque do Banquete de Conxo de 1856 ou o 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia. Gústalle definir a súa editorial como “factoría de contidos culturais”.