O fundador
Enrique Alvarellos Iglesias
Enrique Alvarellos Iglesias
A Coruña, 30 de abril de 1931-Lugo, 2 de xuño de 2004Músico, editor, escritor e profesor de linguas clásicas, Enrique Alvarellos Iglesias naceu na Coruña en 1931 e criouse, ata os 16 anos na parroquia de Soutolongo (Lalín) para trasladarse logo definitivamente a Lugo onde estudou Humanidades e Música (no Seminario Diocesano), e nesta cidade desenvolvería a súa ampla traxectoria profesional e intelectual. Alvarellos é membro correspondente da Academia Tiberina de Artes e Ciencias de Roma, posúe a Gran Cruz da Orde de San Xurxo de Carintia, formou parte así mesmo do Consello de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, foi directivo da Sociedade Filarmónica lucense e asesor e colaborador da Enciclopedia Galega Universal.
Alvarellos Iglesias, home polifacético, fondamente galeguista e posuidor tamén dunha das mellores coleccións de España de máquinas de escribir antigas, fundou, en maio de 1977, a
Editorial Alvarellos. A Editorial alcanza os 40 anos de actividade en 2017, polo que é, despois de Galaxia, a máis veterana de Galicia.
Academia Alvarellos
En marzo de 1963 fundou, xunto coa súa dona Conchita Casas, a Academia Alvarellos, na praza de Comandante Manso, centro docente por onde pasaron, nos seus case corenta anos de existencia, máis de 100.000 alumnos, e onde sobranceou o método mecanográfico que elaborou o propio Enrique Alvarellos e foi recoñecido, en 1968, polo Ministerio de Educación y Ciencia como Sistema Oficial do Estado.
Inauguración da Academia Alvarellos. 1963
A Música
Foi a música, non obstante, a que vertebrou toda a súa vida e ocupou un lugar primordial durante os seus últimos anos. Nesta época centrouse na composición (máis de medio cento de pezas) e na dirección de coros. Xa en 1961 fundara o coro Entre as silveiras, co que acadou importantes recoñecementos en Lugo. En 1981 funda o Orfeón Xoán Montes, que dirixiu durante vinte anos, tempo no que a formación actuou en diversos escenarios de España e Europa. Tamén foi o director da coral Meigas e Trasgos de Sarria, a Coral de Monterroso, o Coro da Policía Local de Lugo e Coral de Agolada.
Entre as súas composicións musicais cómpre destacar a Cantata á Lanzada (obra sinfónico-coral), A Nosa Misa, Fisterra, María Guevara, Himno do Club Deportivo Lugo, Pequeña flor, diversas panxoliñas (Cando subín á montaña, Casiña santa, Eu cantar canteille...) ou Bimilenaria-Cantata luguesa, obra que deixou inconclusa.