Colección Rescate

Apuntes históricos sobre Santiago

22,00 

Obra dispersa y olvidada, 1868-1903

 

Pp:306
Medidas: 13×21 cm
Idioma: castelán
Data de publicación 1ª edición: marzo 2010
ISBN: 978-84-89323-39-1

 

Este volume recupera once monografías do célebre historiador galego do XIX, Antonio López Ferreiro. Ningunha delas —excepto a que pecha a obra— fora publicada antes en libro. Permanecían esquecidas desde fai máis dun século, cando apareceron en forma de extensos artigos integrados en revistas da época.

Estes escritos percorren momentos clave da historia de Santiago de Compostela: documéntanos o autor sobre as orixes do mosteiro de San Paio de Antealtares, recrea o mito do Pico Sacro, interpreta as inscricións da Colexiata do Sar, explica o Códice Calixtino, ou narra a historia do malogrado bispo Suero de Toledo, entre outros temas. Sobre todos estes ensaios merece especial mención o seu relato sobre a historia do altar de Santiago, pois Ferreiro foi o arqueólogo que, en 1879, se había de encargar das excavacións que localizaron as reliquias do Apóstolo.

En todos estes escritos, reunidos e estudados por Xosé Ramón Fandiño, queda patente a que, quizais, sexa a maior cualidade do historiador: ser o primeiro en Galicia en utilizar as fontes e os documentos como base para os seus estudos.

BALADA DE LOS MARES DEL NORTE

23,50 

Poemas, cuentos y ensayos, 1942-1973

 

Pp: 322
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: castelán (con 10 textos en galego)
Primeira edición: Maio 2008
ISBN: 978-84–89323–18–6
Encadernación: cartoné.
Ilustracións: este volume inclúe unha galería gráfica en cor con todas as portadas de Vida Gallega, e preto de cincuenta ilustracións máis (manuscritos inéditos incluídos).

 

O esperado libro que recupera, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou inédita de Urbano Lugrís. Máis de sesenta textos, cincuenta ilustracións e manuscritos, algúns deles nunca antes publicados. Tiveron que pasar 35 anos desde a súa morte e cen desde o seu nacemento para que a extraordinaria obra escrita do pintor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) vexa por fin a luz en libro. Este volume culmina unha vella aspiración do artista, desexo confesado publicamente a comezos dos anos 60, pero que por distintas razóns non se materializara… ata hoxe.

Balada de los mares del norte descóbrenos ao poeta barroco, ao narrador de ficción pleno de referencias cultas e tamén a un orixinal ensaísta. Ademais, este libro recolle ilustracións moi pouco coñecidas e manuscritos inéditos. Unha produción que abarca en total máis de tres décadas. Urbano Lugrís escribía como pintaba, e esa fusión tan singular de lenzo e prosa deu como resultado feliz unha voz única, un autor co que as culturas galega e española estaban en débeda.

Este libro recolle máis de 300 páxinas de textos dispersos, moi descoñecidos ou inéditos do autor, ata un total de 62 textos. Medio centenar de ilustracións do Lugrís, algunhas delas tamén inéditas, e a reprodución en cor de todas as cubertas orixinais de revísta Vida Gallega (anos 50). A responsable da edición anotada, introdución e apéndice é a profesora da Universidade da Coruña, a doutora en Teoría da Literatura Olivia Rodríguez González, filla de Mariano Tudela, un dos fieis colaboradores de Urbano Lugrís.

BRETEMADA

20,00 

1917-1922 [Libro inédito]

 

ISBN: 978-84-89323-73-5
Páxinas: 227
Medidas: 13×21 cm
Idioma: galego
Ilustracións: varias fotografías —algunhas inéditas— do autor e reprodución das primeiras páxs. do mecanoscrito orixinal.
Encadernación: cartonado
Data 1ª edición: Setembro, 2011

 

“Un acontecemento literario de altísima importancia”. Así define este achádego editorial o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, no limiar a Bretemada, o poemario inédito de Gonzalo López Abente, o escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle adicaba o “Día das Letras Galegas”. O libro, integrado por cen poemas, foi escrito entre os anos 1917 e 1922. “Bretemada” é unha metonimia de Galicia. O mecanoscrito orixinal pertence á Real Academia Galega. O profesor e poeta Miro Villar é o responsable do estudo introdutorio e do coidado da edición. Esta obra, editada conxuntamente coa Fundación Gonzalo López Abente, súmase á Colección Rescate (volume nº 15), unha colección gañadora do Premio da Edición de Galicia en 2008 como “Mellor obra editorial do ano”. >> Ver as primeiras páxinas de Bretemada

CORRESPONDENCIA [1928-1958]

24,00 

CARTAS INÉDITAS E DISPERSAS

 

Formato: 14 x 21 cms | 460 pp | Cartonado
ISBN 978-84-89323-98-8

 

O indiscutible renovador da arte galega da primeira metade do século XX, Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago, 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con gran parte da intelectualidade galega do seu tempo: a do exilio e tamén a do chamado “exilio interior” (tal era o seu caso).

Este volume, o número 20 da Colección Rescate de Alvarellos Editora, reúne 179 cartas do pintor –a maior parte delas, inéditas–: dende 1928 ata a derradeira, dous meses antes de falecer. A correspondencia, atravesada primeiro polo silencio da guerra e despois pola longa represión, foi reunida e transcrita pola catedrática de Historia María Esther Rodríguez Losada, nunha edición ao coidado do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela e que publica Alvarellos Editora en colaboración co Consorcio de Santiago.

Estas páxinas contan, de seu, a historia íntima dun tempo e dun país. Cartas a Luís Seoane, a Castelao, a Federico García Lorca, a Bal y Gay, a Otero Pedrayo, a Isaac Díaz Pardo, a Cunqueiro, a Paz Andrade, a Fernández del Riego, a Laxeiro… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane.

O volume complétase coa incorporación de fotografías e manuscritos nunca vistos ata hoxe.

DE CATRO A CATRO. MANUSCRITO ORIXINAL

22,90 
2ª EDICIÓN

 

170 pp | 21 x 15 cms.
Cartonado con sobrecuberta.
ISBN 978-84-16460-99-1

 

De catro a catro é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos e está considerado ademais como unha das cimas universais da poesía vangardista.

 

O manuscrito orixinal e inédito de Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930) que aquí publicamos é o documento polo que se guiou o seu editor Ánxel Casal —controlado moi de preto polo propio poeta— para compoñer o libro De catro a catro. Follas d’un diario d’abordo, que sairía do prelo de Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, na rúa Real, nº 36-1º d’A Coruña, en marzo de 1928.

 

O manuscrito é peza única, propiedade dos herdeiros de Domingo García-Sabell, que xenerosamente o cederon para proceder á súa divulgación. Presenta moi bo estado de conservación polo que foi posible abordar esta edición facsimilar e a transcrición íntegra do texto.

O traballo de lectura e transcrición foi realizado por Anxo Tarrío Varela, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago.

Quixemos respectar o formato e deseño orixinais, o caderno contable no que foron escritos os versos, polo que este volume reproduce fielmente esas características.

 

Presentamos agora, en  2021, esta segunda edición. Publicamos o manuscrito por vez primeira en decembro de 2016, nunha coedición entre Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago, coa colaboración da Universidade de Santiago, cuxo Servizo de Publicacións se ocupou da dixitalización do orixinal.

Esta edición do manuscrito chegou a ser cualificada pola crítica como «un dos achados documentais máis sorprendentes deste século» (Armando Requeixo, Faro de Vigo), «unha auténtica alfaia» (Ramón Nicolás, Caderno da crítica) ou «estremecedora edición facsimilar» (Ramón Rozas, Diario de Pontevedra).

 

Así mesmo, foi finalista en 2017 nos Premios da Crítica de Galicia (na categoría de Creación) e na Gala do Libro Galego (na categoría de Mellor Iniciativa Bibliográfica).

 

Ver interior

DIARIOS DE VIAJE

17,00 

Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955

 

Formato: 180 pp. 13×23 cms
ISBN: 978-84-89323-84-1

 

Estes “Diarios de viaje” de Valentín Paz-Andrade (Lérez-Pontevedra, 1898–Vigo, 1987) permanecían inéditos dende hai sesenta anos. O seu autor, poeta, xornalista, economista e empresario, e tamén político galeguista, percorreu o Novo Continente, dende Canadá ata Chile, na década dos cincuenta do século pasado. Fíxoo como Delegado para América Latina da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), pois era un recoñecido especialista en economía pesqueira. O resultado daquela experiencia é este delicioso libro de viaxes. Unha prosa riquísima que combina o lirismo fondo do poeta cun análisis profundo e certeiro dos lugares, xentes e acontecementos que ía atopando ao seu paso. Anotacións ás veces manuscritas, outras pasadas a máquina, que foron descubertas pola historiadora Emilia García, e que aparecen aquí acompañadas de fotografías, postais ou ilustracións da época, gardadas polo autor entre as follas esquecidas dos seus Diarios.

El peregrino y otras historias en Compostela

22,90 

Emilia Pardo Bazán

Os contos e novelas curtas que Emilia Pardo Bazán ambientou na cidade de Santiago de Compostela, reunidos agora nunha coidada edición preparada polo catedrático da Universidade de Santiago, o profesor experto na escritora, José Manuel González Herrán. Inclúe manuscritos e ilustracións orixinais moi pouco coñecidas. Un volume publicado por Alvarellos Editora na súa premiada colección Rescate, en coedición co Consorcio de Santiago.

356 pp . 13 x 20,5 cms
ISBN 978-84-18567-04-9
Tapa dura e ilustrado.

GALICIA ANTE TODO

22,00 

PÁXINAS ESQUECIDAS DO REXURDIMENTO (1840-1853)

 

269 pp. | 21×13 cms | Cosido + Tapa dura
ISBN 978-84-16460-21-2

 

O escritor e xornalista Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823-A Coruña, 1854) é un dos grandes –e tamén esquecidos– protagonistas da primeira xeración de galeguistas, a que xurdiu na década dos anos corenta do século XIX: os chamados Provincialistas. O presente volume, titulado precisamente cunha das proclamas do autor —“Galicia ante todo”–, rescata vinte escritos de Neira de Mosquera, tanto xornalísticos coma literarios. Unha reveladora escolma onde se trazan as liñas básicas sobre as que se asentaría aquel movemento, a primeira xeración que loitou pola defensa e o rexurdimento de Galicia.
O filólogo Xurxo Martínez González, experto no XIX, é o responsable desta edición: ocupouse da selección dos textos e redacta un amplo e revelador estudo introdutorio que sitúa, no seu tempo, a figura clave de Neira de Mosquera. O prólogo asínao toda unha autoridade na materia, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.
“Ahora o nunca”, exclama o noso protagonista nun dos artigos aquí recollidos, porque a defensa do país non podía agardar máis. Era o mes de abril de 1851.

Gran Lugo de Nebra

14,00 

Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999

 

ISBN: 978–84–89323–64–3
Páxs: 140
Medidas: 13×23 cms
Ilustracións: Xesús Blas Lourés, Tino Grandío e o propio autor.
Encadernación: capa dura
Data de publicación 1ª edición: novembro, 2010

 

O volume dedicado a Lugo que o poeta quixo facer en vida, pero que non chegou a ver. Inclúe 51 textos, en verso e prosa, escritos entre 1955 e 1999. Trece deles, inéditos. Con estudo de Pilar García Negro e ilustracións de Blas Lourés.

Ás veces canta o Norde unha pasión de lonxes i as murallas pechando un gran Lugo de nebra pechando abertas (…) Estes versos inéditos de Uxío Novoneyra (1930-1999) abren Gran Lugo de nebra, un volume que reúne, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou non publicada do autor sobre a cidade de Lugo. Eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira, di noutro intre.

Trece dos textos son rigorosamente inéditos: catro poemas e oito escritos en prosa. Esta é a obra sobre Lugo que o poeta —a quen este ano 2010 se lle dedican as Letras Galegas— quixo facer en vida, á que se referiu en varias ocasións dende comezos dos anos oitenta, pero que non chegou a ver publicada.

A profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro, leva a cabo un fondo estudo introdutorio sobre a obra de Novoneyra e a súa conexión coa cidade (“En Lugo, na miña ciudá, onde comencei a dormir normalmente”, escribe o poeta en 1960). E o pintor Blas Lourés ilustra, pola súa banda, algunhas das páxinas aquí rescatadas.

GRAN LUGO DE NEBRA abarca cinco décadas de vida e devoción pola cidade amurallada, dende 1955 ata 1999, ano do falecemento do escritor.

HISTORIAS DE COMPOSTELA

22,00 

DEZASETE CRÓNICAS DE SANTIAGO (1970)

 

344 pp | 13 x 21 cms | Cartonado.
ISBN 978-84-16460-00-7

 

Unha nova edición, traducida por vez primeira ao galego e con limiar de Xerardo Estévez, rescata as dezasete Historias de Compostela que Xosé Filgueira Valverde publicara en 1970 no selo dos Bibliófilos Gallegos.

Unha das obras fundamentais de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996). Estas Historias de Compostela foran publicadas en 1970 na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos e aparecen agora por vez primeira traducidas ao galego.

No novo limiar que acompaña á presente edición, o arquitecto e ex-alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, resume así a esencia destas páxinas:

«Hai na obra de Filgueira un ostinato compostelán coa súa historia propia e europea, que vai do acibeche ou o gravado á grande arquitectura, de Xelmírez a Quevedo, das cantigas alfonsinas ao esplendor do Camiño».

Foron varios centos os traballos que Xosé Filgueira Valverde dedicou ao seu adorado Santiago. Nestas Historias o escritor vese a si mesmo coma un “recomptador”, ou recompilador, daqueles que andaban os camiños da vella Europa contando relatos e cantando melodías, dos que armaban historias para facer máis doada a peregrinación de todos aqueles que ansiaban Compostela.

MARQUESA DE CAMBA, LA

5,90 

RECUPERADA A NOVELA HISTÓRICA DE 1848

Nº páxinas: 297
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: castelán (limiar en galego)
Saída desta edición: setembro 2008
ISBN: 978-84–89323–19–3
Encadernación: cartoné.
Edición ao coidado de Xosé Ramón Fandiño

 

Esta novela parte dun feito histórico: o asasinato, en xuño de 1366, ás portas da Catedral de Santiago, do arcebispo don Suero Gómez de Toledo mailo seu deán Pedro Álvarez. Un suceso que conmocionou á sociedade da época.

O xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera publicou a obra en Madrid en 1848. Os exemplares desa primeira edición foron axiña retirados pola censura, co que o libro pasou a ser un obxecto de culto, inexistente ata hoxe na maior parte das bibliotecas e arquivos.

A publicación que agora presentamos, ao coidado de Xosé Ramón Fandiño é a primeira dende aquela de 1848 (se exceptuamos a tradución ao portugués aparecida en Porto en 1852). A novela posúe o atractivo das mellores tramas de acción. Un asasinato que vai xermolando dende as primeiras páxinas entre traizóns, paixóns amorosas, vinganzas… e a clave deste tráxico acontecemento: as loitas polo poder entre dous irmanastros, Pedro I e Henrique de Trastámara.

MÁS ALLÁ DEL TIEMPO

5,90 

O libro inédito de 1965

 

Nº páxinas: 180
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: castelán.
Primeira edición: Marzo 2007
ISBN: 978-84–89323–15–5
Encadernación: cartoné.
Ilustracións: O libro inclúe unha galería gráfica con material pouco coñecido ou inédito (epistolario, mecanoscritos, fotografías…) relativo á xestación desta obra.
Limiar e estudo da obra: Helena González

 

[Letras Galegas 2007]

Más allá del tiempo é o libro inédito que María Mariño concluíu en 1965 e que permaneceu ilocalizable durante máis de corenta anos. Apareceu xusto cando as Letras Galegas homenaxean a esta enigmática escritora, en 2007.

Estamos ante o primeiro libro preparado e ordenado directamente por María Mariño. Más allá del tiempo permite despexar todas as incógnitas e recompoñer a fondo a súa obra.

Ademais de poeta, descubrimos que era unha narradora orixinal, consciente e insubmisa, con influencia dos movementos de vangarda e reveladoras composicións oníricas. Boa parte do libro semella un relato autobiográfico, que se completa coa até agora descoñecida poesía infantil.

Más allá del tiempo é a peza clave para entender a súa obra galega.

Esta edición conta cun amplo e documentado estudo introdutorio a cargo da profesora da Universitat de Barcelona, Helena González, responsable tamén da edición do texto.

OBRA INÉDITA E ESQUECIDA

20,00 

TEATRO, CONTOS, ENSAIOS E LENDAS, 1915-1972

 

Nº páxinas: 280
Medidas: 14×21
ISBN: 84–89323–04–6
Colección: “Rescate”
Encadernación: tapa dura
Introdución, escolma e notas: Xosé Manuel Maceira Fernández
Ilustracións: Galería gráfica de 8 páxinas con fotos, ilustraciós e manuscritos inéditos
Idioma: galego

 

Leandro Carré Alvarellos é un dos galeguistas máis esquecidos. Un home polígrafo, activista e cimentador da identidade de Galicia, e autor dunha obra moi extensa e inédita, ata agora, na súa maior parte. Alvarellos Editora recompila nesta nova publicación –que leva por título Obra inédita e esquecida– o mellor da súa produción: unha selección de ensaios, contos, pezas teatrais e lendas que abarcan dende o ano 1915 ata 1972.

Aparece, por exemplo, e por primeira vez íntegro, o seu manual de interpretación teatral de 1922 ou varias das súas célebres lendas tradicionais galegas, na súa primeira versión en galego, nunca editadas en Galicia ata agora. Todo este valioso material, xunto con outros textos, complétase cun amplo apartado gráfico: unha fotobiografía inédita, manuscritos, ilustracións do autor para a súa editorial… que proban o indiscutíbel labor e a fonda influencia cultural e social de Leandro Carré Alvarellos na Galicia do primeiro terzo do século XX.

Esta coidada edición, que se achega ás 300 páxinas, conta así mesmo cun limiar e notas do profesor Xosé Manuel Maceira Fernández, cuxa tese de doutoramento centrouse precisamente en Carré Alvarellos.

POR LOS CAMINOS DEL SIGLO XX

22,00 

OBRA PERIODÍSTICA OLVIDADA (1914-1963)

306 pp. 13×20,5 cms
ISBN 978-84-16460-52-6
Capa dura e ilustrado.

 

Pensador europeísta e avanzado (o feminismo atravesa toda a súa obra), herdeiro dos fitos do Rexurdimento galego, Victoriano García Martí (A Pobra do Caramiñal, 1881-Santiago de Compostela, 1966) é unha figura lamentablemente esquecida pola historia da literatura e do pensamento. Amigo persoal de Valle-Inclán, voz reivindicativa do legado de Rosalía de Castro (en 1944 publica a primeira edición das súas Obras Completas), foi tamén un pioneiro na defensa do turismo como fonte de riqueza cultural.

A reivindicación da identidade e a modernización de Galicia (cuxa mellora só chegará a través de “la cultura y la economía”) é unha constante na súa  carreira; do mesmo xeito que a súa visión de Santiago de Compostela como cidade literaria.

O presente volume reúne baixo o título Por los caminos del siglo XX, e por vez primeira en libro, sesenta artigos escritos por García Martí entre 1914 e 1963. Un período onde a Guerra Civil e a posterior ditadura marcarían fondamente a vida e a obra do autor.

O coidado da edición e o estudo introdutorio corren a cargo de Arantxa Fuentes Ríos, doutora europea en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela.

RECUERDOS DE AGOSTO

23,00 

Obra poética, 1850-1858

Formato: 461 pp. 13×21 cms
ISBN: 978-84-89323-55-1
[Capa dura]

 

133 poemas de Aurelio Aguirre. Máis de oitenta deles, inéditos. Outros, como o célebre “Brindis” de Conxo, aparecen agora por vez primeira completos e sen censuras.

Nunha edición crítica, introducción e notas a cargo da profesora Olivia Rodríguez González e cun estudo histórico da man de Xurxo Martínez González.  A reprodución de manuscritos inéditos completa esta coidada edición coa que pretendemos reparar en algo a débeda histórica que, cara á súa figura, Galicia enteira e tamén o movemento romántico español, contraeron durante todo este tempo.

RETORNO A IRIA FLAVIA [CENTENARIO DE CJC 1916-2016]

20,00 

252 pp | 14 x 21 cms | tapa dura
ISBN-13: 978-84–89323–08–7
ISBN-10: 84–89323–08–9
1ª edición: novembro, 2006

Obra dispersa y olvidada, 1940-2001

Camilo José Cela, Premio Nobel e xenio universal das Letras, sentíase fondamente galego, consciente de pertencer a unha cultura singular. Retorno a Iria Flavia é unha viaxe definitiva de regreso á súa terra.

Medio cento de traballos nos que Galicia é o cerne da súa creación e reflexión –artigos, ensaios, epistolarios– constitúen esta primeira antoloxía “galega” da súa obra. Aparecen agora reunidos por vez primeira nun libro dende o seu su primeiro artigo, escrito en 1940 e dedicado a Emilia Pardo Bazán, até as derradeiras columnas publicadas no diario ABC pouco antes do seu pasamento.

Engádense a estes traballos catro documentos –un deles inédito– da correspondencia mantida con senlleiros representantes da actividade política e cultural nacionalista galega de preguerra, algúns dos que traballaban na súa reactivación nos anos 50: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Fernández del Riego e Celso Emilio Ferreiro.

Como colofón, reprodúcense varios manuscritos e unha galería gráfica con fotos pouco divulgadas e algunhas inéditas.

Retorno a Iria Flavia é, en definitiva, unha mostra patente de sesenta anos continuados de relación fondamente afectiva e mutuamente enriquecedora entre o escritor e o seu país natal.

SAN FRANCISCO DE ASÍS

29,00 

SIGLO XIII

 

Formato: 774 pp. 13×21 cms
ISBN: 978-84-89323-59-9
[Capa dura]

Emilia Pardo Bazán consideraba este extenso e erudito traballo sobre san Francisco de Asís e a Europa do século XIII como unha das súas obras máis logradas. De feito, o libro, publicado en 1882, foi un dos máis populares en vida da autora. Con todo, hoxe resultaba practicamente inencontrable para o gran público.

Tres especialistas en Pardo Bazán traballaron conxuntamente para dar a luz este rescate editorial: por unha banda, Javier López Quintáns, responsable da edición crítica; por outra, José Manuel González Herrán, que asina o estudo introductorio, e, finalmente, Cristina Patiño Eirín, responsable dos Apéndices. O tres pertencen ao grupo de investigación “Emilia Pardo Bazán” da Universidade de Santiago de Compostela.

O San Francisco de Pardo Bazán conserva para o lector actual boa parte do interese que suscitou no seu tempo. Quizá para os historiadores moitas das súas achegas perdesen vixencia, pero como obra literaria mostra o mellor da escritora: a súa capacidade para recrear imaxinativamente épocas, ambientes, personaxes; o seu dominio no manexo da lingua, e a súa prodixiosa provisión de información histórica e literaria.

INÉDITOS

A presente edición —que ve a luz da man de Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago— cando se cumpren oitocentos anos da peregrinación de san Francisco a Compostela, incorpora dous valiosos documentos de dona Emilia: unha carta-prólogo inédita, de 1878, dirixida aos frades do convento santiagués, e a conferencia «San Francisco e a guerra» (1914-1918). [Esta conferencia foi lida pola autora o 14 de xaneiro de 1917 na Asamblea de Terciarios de la Orden de San Francisco que tivo lugar na Iglesia de San Fermín de los Navarros, en Madrid. Así o recolle Aránzazu Guzmán na súa tese “La oratoria de Emilia Pardo Bazán”, presentada na UNED en decembro de 2014. Este dato foi obtido despois da publicación desta obra].

SESENTA GALLEGOS ILUSTRES

5,90 

OBRA PERIODÍSTICA OLVIDADA EN VIDA GALLEGA, 1956-1962

 

Nº páxinas: 343
Lingua: castelán (o 90%) e galego
Medidas: 14×21
Ano 1ª edición: 2005
ISBN: 84–85311–21–3
Encadernación: capa dura
Ilustracións: reprodución dos orixinais de vinte artigos e varias páxinas da revista Vida Gallega correspondentes á súa segunda etapa, dos anos 50 e 60.

 

Recuperamos a valiosa obra xornalística para Vida Gallega dunha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX, Paco del Riego (Lourenzá-Lugo, 1912- Vigo, 2010). Sesenta artigos escritos nos anos cincuenta e sesenta que permanecían inéditos en libro e nos que o histórico galeguista fai uso dunha prosa altamente suxestiva coa que nos transporta pola historia e o sentir de Galicia a través dos séculos.

Trátase de sesenta artigos que este histórico galeguista -unha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX- escribiu entre os anos 1956 e 1962 dentro dunha sección fixa titulada “Perfiles gallegos”, asinada cun dos seudónimos habituais do escritor, Cosme Barreiros.

A través dunha prosa altamente suxestiva, en Sesenta gallegos ilustres Fernández del Riego lévanos pola historia e o sentir de Galicia a través dos seus poetas, pintores, músicos, políticos, aventureiros… Entre eles, Vicetto, Castelao, o Conde de Gondomar, Xoán Montes, Diego Gelmírez, Villar Ponte, Domingo Fontán, Couceiro Freijomil, Nóvoa Santos…

É o propio autor quen prologou, aos 92 anos, estes textos recuperados, que aparecen nesta coidada edición con outros traballos seus tamén inéditos en libro, e varios orixinais dos seus artigos tal e como os entregou o escritor á redacción de Vida Gallega.

PACO DEL RIEGO: “ERAN TEMPOS ESCUROS”

No seu Apunte Limiar, Fernández del Riego afirma que estes textos foron publicados nun tempo “de mesta escuridade para as Letras e a Lingua galegas. O uso público do idioma literario aturaba os máis duros atrancos. Fomentábase dende o poder político a desmemoria dos valores autóctonos e de todo o que supuxese afirmación do ser de Galicia”.

Así e todo, este novo libro de Fernández del Riego Sesenta gallegos ilustres permítenos comprobar como en cada páxina, e burlando todas as censuras, transmítese unha aberta defensa do ser e a identidade de Galicia.

Tempo de elexía

20,00 

EDICIÓN BILINGÜE. INCLÚE CD CUN RECITAL INÉDITO DE 1982

 

Páxinas: 124
Medidas: 13×21
Idioma: galego e castelán
Data de publicación 1ª edición: marzo 2010
ISBN: 978-84-89323-38-4
Encadernación: cartoné

 

Libro+CD dun dos poetas galegos máis destacados de todos os tempos, no ano no que Galicia lle dedica o Día das Letras Galegas. Uxío Novoneyra alcanza, con Tempo de elexía (o seu segundo libro) o cumio da súa creatividade e inspiración. Versos que, en palabras do autor, “buscan os estados límite do Home diante do Amor e a Morte, a angustia e a distancia interior”. Presentamos unha edición bilingüe que retoma o espírito da primeira publicación desta obra (Madrid, 1966), con tradución ao castelán do propio Uxío Novoneyra, e aportamos, a modo de limiar, unha “Autopoética” na que o autor reflexiona sobre a súas elexías. O CD que acompaña ao libro inclúe o recital inédito e íntegro que o poeta ofreceu en Lugo, no Instituto Lucus Augusti, en 1982. Unha oportunidade nova de escoitar a voz auténtica, enérxica e plena de matices do gran “dicidor” das nosas Letras. » escoita o comezo do recital inédito de 1982

Últimas páginas sobre Galicia

5,90 
Artículos olvidados en Vida Gallega, 1919-1962

 

Nº páxinas: 197
Medidas: 14×21
ISBN: 84–89323–03–8
Ilustracións: manuscritos inéditos e varias páxinas da revista Vida Gallega, dende 1919 a 1962.

 

Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) foi un dos grandes piares da literatura e do pensamento galegos do pasado século. Erudito, vangardista, amenísimo, enxeñoso, contraditorio, brillante… Todos estes adxectivos toman corpo nos textos de Últimas páginas sobre Galicia, un volume que redescobre ao mellor Risco nuns escritos que levaban esquecidos medio século e que xamais foran publicados en libro.

Trátase da obra xornalística completa de Vicente Risco para a revista Vida Gallega, uns traballos que se remontan no tempo ao ano 1919 e as cartas coa polémica entre os nacionalistas e os rexionalistas, até os derradeiros escritos do autor, de 1962. Todo un agasallo para o lector, que aquí atopará elegancia e rigor intelectual e, ao mesmo tempo, diversión e sinxeleza. Nestas páxinas fala Risco da paisaxe, do cinema, de libros, de viño, de Portugal, da Semana Santa en Ourense, do Románico, do fenómeno Xacobeo, de pintura, de nacionalismo… e mesmo sincérase nunha “Autobiografía confidencial”.

Este volume (que representa o terceiro tomo da Colección Rescate de Alvarellos Editora) inclúe ademais un documentado estudo sobre a personalidade e a obra de Risco, a cargo do profesor, historiador e escritor Marcos Valcárcel; o testemuño dun dos compañeiros de tertulia do escritor nos seus últimos anos, o xornalista e escritor Arturo Lezcano, e varios manuscritos inéditos do autor, ademais de reproducións de varios de seus traballos para a revista Vida Gallega.

Una vida de literatura

20,00 

Obra xornalística recuperada, 1948-2000

 

Formato: 276 pp. 13×21 cm. Capa dura
ISBN: 978-84-89323-79-7
Data 1ª edición: abril, 2012

 

A obra xornalística de Mariano Tudela permanecía inédita en libro. Este volume de Alvarellos Editora recupera ata setenta textos que teñen un nexo temático común: retratan unha existencia consagrada ás Letras e á Literatura. Desde o primeiro artigo do autor, de 1948, ata os escritos dos seus últimos días.

Unha vida de literatura lese como un ameno diario polo que desfila toda unha xeración brillante de escritores e pintores. Desde Gómez da Serna a Truman Capote, de Pla a Cunqueiro, de María Casares a Urbano Lugrís.

Páxinas que subliman o valor dos grandes amigos, que penetran no fume dos faladoiros de café, ou que evocan —tantas veces— amargas despedidas. E á beira destes recordos escritos, imaxes e manuscritos nunca divulgados de Mariano Tudela con personalidades do mundo cultural galego e español da segunda metade do século XX.

A presente edición foi elaborada por Olivia Rodríguez-Tudela, filla do autor e profesora de Teoría da Literatura na Universidade da Coruña.

VERSOS A COMPOSTELA

17,00 

EDICION BILINGÜE

 

Nº páxinas: 122
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: bilingüe galego-castelán
Primeira edición: Febreiro 2008
ISBN: 978-84–89323–20–9
Encadernación: cartonado

 

Versos a Compostela reúne por vez primeira –e en edición bilingüe– os poemas nos que a cidade de Santiago é o referente lírico e existencial de Rosalía de Castro (1837-1885). Nestas páxinas gozaremos da poeta en estado puro: intimista, moderna e turbadora. Xunto aos versos, antigas fotografías dun Santiago contraditorio, de “sombras queridas” mais tamén de “sombras odiadas”.

A escritora e profesora Helena Villar Janeiro é a responsable da edición literaria e tradución dos textos de Versos a Compostela, mentras que Xesús Rábade Paredes asina un clarificador estudo introdutorio.

O RETRATO INÉDITO DE FENOLLERA

Esta edición enriquécese coa recuperación dun retrato inédito de Rosalía: o busto realizado arredor de 1904 polo pintor José María Fenollera. O orixinal está perdido e unha copia foi exposta por vez primeira en 1985 no escaparate do fotógrafo Guitián, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

Viaje a Lugo

18,00 
Páginas sobre la ciudad

 

ISBN: 978–84–89323–65–0
Páxs: 200
Medidas: 13×23 cms
Idioma: castelán
Ilustracións: cuberta de Blas Lourés e fotografías do Fondo Vega.
Encadernación: capa dura
Data 1ª edición: febreiro 2011

 

Novo volume da Colección Rescate que reúne por vez primeira os escritos en prosa que o célebre autor dedicou á cidade das murallas. Entre os 24 textos recuperados figura un moi descoñecido: o discurso do Bimilenario, de 1975.

Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo-Lugo, 1911–Vigo, 1981) reencóntrase en VIAJE A LUGO. PÁGINAS SOBRE LA CIUDAD cunha paisaxe vital e emocional: a cidade das Murallas, na que viviu anos decisivos. Nela recrea a súa pluma e sentimento. Alvarellos Editora conmemora con este novo volume da Colección Rescate (o número 14) o centenario do nacemento do escritor.

A obra reúne 24 prosas onde o gran narrador se deixa seducir pola historia bimilenaria desta urbe, percorre os seus espazos máis amenos o evoca personaxes queridos como o trovador Esquío, o poeta Luís Pimentel ou o autor de relatos Ánxel Fole.

A súa pluma transita entre o xornalismo e a literatura, posuída quizás –e sublimada, tamén– polas propias brumas que, dende o río Miño, dibuxan esta cidade como un territorio para a fantasía. Abre o volume —cuxo estudo e selección de contidos corre a cargo de María Xesús Nogueira, especialista no autor— un texto moi singular e tamén moi pouco difundido ata hoxe: o discurso de apertura do Bimilenario que Cunqueiro pronunciou o 25 de octubro de 1975, onde bautizou a Lugo como “la Roma del Finisterre”.

A ilustración da cuberta pertence ao pintor lugués Xesús Blas Lourés. O seu óleo titulado “A miña muralla”. Se trata, en definitiva, dunha viaxe dende –ou cara a— esta cidade do suroeste europeo, onde a prosa de Cunqueiro vólvese, unha vez máis, universal.

VIAJES Y YANTARES POR GALICIA

20,00 

Obra periodística olvidada en Vida Gallega, 1954-1963

 

Formato: 198 pp. 13×21 cms
ISBN: 84-85311-20-5
1ª edición: Abril, 2005
[Capa dura]

 

Un libro inédito de Álvaro Cunqueiro. Unha das plumas máis brillantes da literatura galega e española aínda ten material disperso que non vira a publicación en libro. É o caso dos 37 artigos que integran Viajes y yantares por Galicia que o célebre escritor lugués de Mondoñedo publicou, entre os anos 1954 e 1963, na revista Vida Gallega e que permanecían esquencidos.

Cunqueiro viaxa por Galicia e fai arte coa cociña, a paisaxe, as xentes e, en definitiva, a fonda personalidade deste país milenario. Trinta e sete capítulos nos que a gastronomía vai presidindo cada páxina, dende a aportación de senlleiras receitas a todo tipo de anécdotas e descrición dos usos e costumes culinarios galegos. Ademais, Viajes y yantares por Galicia é unha guía turística, de lugares emblemáticos, de persoeiros históricos e lendarios. Nesta nova obra tamén agroma a crítica literaria, a pictórica, mesmo a interpretación das estrelas.

A presente edición inclúe a reprodución ben manuscrita ou ben mecanografiada dalgúns dos artigos tal e como os entregou Cunqueiro á revista; tamén un limiar do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela (especialista no escritor), e un traballo sobre a historia, o contexto, os promotores e algunhas das portadas en cor desta segunda época de Vida Gallega, unha das publicacións periódicas máis populares do seu tempo. Alvarellos Editora principia, con esta obra, a súa colección Rescate, dedicada a recuperar importantes textos da nosa cultura e da literatura universal que permanecen inéditos ou esquecidos.