Autor

Xosé Otero Canto

Xosé Otero Canto nace na Ponte de Outeiro, Castro de Rei, A Chaira (Lugo). É catedrático de Lingua Castelá e Literatura no IES Lucus Augusti. Autor dos libros de poemas Salaios da Chaira; Arelas de prata e soños; Miño, río pai e amigo; Guía poética da muralla de Lugo; Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas; Poemas da cidade e Poética da viaxe. Foi recoñecido cos premios do Certame Internacional de Poesía e Conto Breve do Centro Cultural Rosalía de Castro de Buenos Aires, o Certame Literario do Concello de Vilalba, o Certame Nacional de poesía sobre O Nadal (Begonte), o Manuel Orestes Rodríguez López (Paradela) ou o Certame de Poesía Anduriña Voandeira de Bilbao, entre outros.

Libros do Autor

NENIAS CHAIREGAS

9,00 

Formato: 78 pp. 14×21 cms
ISBN: 978-84-89323-48-3

 

“Elexías do calado, do que nace coa perda”. Así son estas nenias chairegas de Xosé Otero Canto. Palabras arredor da morte dos vellos da casa e do abandono do mundo rural. Un manancial expresivo nunha visión radical dun tempo que se foi.

Con Limiar de Xosé Manuel Carballo Ferreiro e Epígono de Alfonso Blanco Torrado.

Esta obra obtivo o II premio no XXXVIII Certame Literario do Concello de Vilalba (2012).

TELÚRICA

9,00 

Un berro que sae do profundo

 

58 pp | 14 x 21 cms
ISBN 978-84-16460-22-9

 

Telúrica é un berro que sae do profundo, unha forza que se revira contra nós e que participa da terra. Herdeiro da mellor tradición poética dunha comarca tan literaria como a luguesa da Terra Chá, Xosé Otero Canto penetra como “o lume nas entrañas” na terra convertida en “corpo sacratísimo dos nosos”, mais tamén “sementada de luz” e “bébeda de auga”, unha terra moura que agroma en verde, tatuada e esculpida en vento. Nestes poemas, a riqueza léxica actúa cun brío fortificado ante o bastión inexpugnable do Telúrico. Xosé Otero Canto logrou coa solidez enérxica da palabra o Primeiro Premio do Certame Literario do Concello de Vilalba na súa edición nº 42 (2016).

O presente volume enriquécese coas ilustracións de José María Lugilde.