Autor

Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra (Parada de Moreda-O Courel, 1930 – Santiago, 1999), fillo de labradores, comezou os seus estudos en Lugo para posteriormente trasladarse a Madrid a cursar Filosofía e Letras. Viviu en Lugo, Madrid, O Courel e Santiago de Compostela. Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega dende 1983 ata o seu falecemento. É autor dos seguintes poemarios: Os eidos (1955), Elegías del Caurel y otros poemas (Ed. Bilingüe, 1966), Os eidos-2 (1974), Poemas caligráficos (1979), Os eidos. Libro do Courel (1981), Muller pra lonxe (1986), Do Courel a Compostela (1988), Tempo de elexía (1991) Poemas da doada certeza (1994) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago (1999).

Libros do Autor

Gran Lugo de Nebra

14,00 

Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999

 

ISBN: 978–84–89323–64–3
Páxs: 140
Medidas: 13×23 cms
Ilustracións: Xesús Blas Lourés, Tino Grandío e o propio autor.
Encadernación: capa dura
Data de publicación 1ª edición: novembro, 2010

 

O volume dedicado a Lugo que o poeta quixo facer en vida, pero que non chegou a ver. Inclúe 51 textos, en verso e prosa, escritos entre 1955 e 1999. Trece deles, inéditos. Con estudo de Pilar García Negro e ilustracións de Blas Lourés.

Ás veces canta o Norde unha pasión de lonxes i as murallas pechando un gran Lugo de nebra pechando abertas (…) Estes versos inéditos de Uxío Novoneyra (1930-1999) abren Gran Lugo de nebra, un volume que reúne, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou non publicada do autor sobre a cidade de Lugo. Eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira, di noutro intre.

Trece dos textos son rigorosamente inéditos: catro poemas e oito escritos en prosa. Esta é a obra sobre Lugo que o poeta —a quen este ano 2010 se lle dedican as Letras Galegas— quixo facer en vida, á que se referiu en varias ocasións dende comezos dos anos oitenta, pero que non chegou a ver publicada.

A profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro, leva a cabo un fondo estudo introdutorio sobre a obra de Novoneyra e a súa conexión coa cidade (“En Lugo, na miña ciudá, onde comencei a dormir normalmente”, escribe o poeta en 1960). E o pintor Blas Lourés ilustra, pola súa banda, algunhas das páxinas aquí rescatadas.

GRAN LUGO DE NEBRA abarca cinco décadas de vida e devoción pola cidade amurallada, dende 1955 ata 1999, ano do falecemento do escritor.

Tempo de elexía

20,00 

EDICIÓN BILINGÜE. INCLÚE CD CUN RECITAL INÉDITO DE 1982

 

Páxinas: 124
Medidas: 13×21
Idioma: galego e castelán
Data de publicación 1ª edición: marzo 2010
ISBN: 978-84-89323-38-4
Encadernación: cartoné

 

Libro+CD dun dos poetas galegos máis destacados de todos os tempos, no ano no que Galicia lle dedica o Día das Letras Galegas. Uxío Novoneyra alcanza, con Tempo de elexía (o seu segundo libro) o cumio da súa creatividade e inspiración. Versos que, en palabras do autor, “buscan os estados límite do Home diante do Amor e a Morte, a angustia e a distancia interior”. Presentamos unha edición bilingüe que retoma o espírito da primeira publicación desta obra (Madrid, 1966), con tradución ao castelán do propio Uxío Novoneyra, e aportamos, a modo de limiar, unha “Autopoética” na que o autor reflexiona sobre a súas elexías. O CD que acompaña ao libro inclúe o recital inédito e íntegro que o poeta ofreceu en Lugo, no Instituto Lucus Augusti, en 1982. Unha oportunidade nova de escoitar a voz auténtica, enérxica e plena de matices do gran “dicidor” das nosas Letras. » escoita o comezo do recital inédito de 1982