Autor

Pablo Bouza

Pablo Bouza Suárez (Fene, 1965) é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela e exerce como funcionario no Concello de Culleredo (localidade onde reside), onde desempeña o cargo de xefe de servizo de Cultura  e Educación. Como poeta, é autor dos libros In aeternum (2007), O home que falaba coas baleas (2008), Ingrávido Signo (2010) e Na intimidade do azougue (2011). As súas obras recibiron numerosos premios e recoñecementos. Entre eles, Pablo Bouza foi gañador, ata en cinco ocasións, do Certame Literario do Concello de Vilalba. 

Libros do Autor

OS PRIVILEXIOS DOS SOMNÁMBULOS

9,00 

1º Premio do Certame Literario de Vilalba 2013

A noite é gran inspiradora de poetas. Nesta nova obra de Pablo Bouza, Os privilexios dos somnámbulos, o autor atopa ese “aire viciado” onde despregar “a inmensa dimensión das palabras”.  “Noite/dáme algo de ti/da túa luz negada”.

A poesía só pode ser honestidade, verdade. Neste vieiro é onde Bouza chega á alma do lector: “Recoñézome nos erros do pasado”, confesa, ou: “Medran hedras nas pedras dos meus lugares”.

Son versos intensos e fondos, que camiñan directos na súa mensaxe. Por este suxestivo libro de poemas transitan tamén as voces, en forma de cita, de autores de referencia do noso escritor, que o van guiando no percorrido poético, como Miguel Anxo Fernán Vello, José Ángel Valente, Espronceda, Ángel González, Rilke, Lois Pereiro, Paul Verlaine ou Carlos Oroza, entre outros.

Esta obra resultou gañadora en 2013 da edición número 39 do Certame Literario do Concello de Vilalba, un dos concursos poéticos máis veteranos de Galicia. Foi, asimesmo, finalista nos Premios da Edición de Galicia 2014 na modalidade de Mellor Libro de Poesía do ano.