Autor

Miguel Vila Pernas

"

MIGUEL VILA PERNAS naceu na Habana en 1958, fillo de galegos emigrantes, e reside en Galicia dende 1961. Estudou xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e nos últimos anos desenvolve un traballo periodístico de investigación e divulgación da cociña e gastronomía galegas a través dos medios de comunicación —entre eles destaca o blog gastronómico www.colineta.com, que o autor puxo en marcha en 2005— e coas súas publicacións escritas. Numerosos e prestixiosos premios acreditan a súa brillante traxectoria. É autor de seis libros de materia culinaria: A cociña de Entroido e San Xoán (2006), Premio Gourmand; A cociña do Merlín (2005), Premio Álvaro Cunqueiro; Caldeirada para dous (mortos) (2003), Premio Álvaro Cunqueiro; Dicionario galego de gastronomía (1999), Guía Gastronómica de Santiago (2008) e o conto infantil Hora de comer (2007). Así mesmo, obtivo o Premio Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na modalidade de mellor labor informativa continuada relacionada cos “Alimentos de España”, polos artigos publicados no diario El Progreso ao longo do ano 2005.

"

Libros do Autor

GUÍA SECRETA DA GASTRONOMÍA DE GALICIA: LUGO

16,00 

Páxinas: 152
Medidas: 18×18 cm
Idioma: galego
Data de publicación 1ª edición: agosto 2011
ISBN: 978-84-89323-69-8
Encadernación: tapa branda plastificada con lapelas
Colección: A lume lento [gastronomía]

 

A provincia máis grande de Galicia reúne quizais a meirande oferta gastronómica do país. Este libro é toda unha viaxe polos polos usos culinarios, as receitas, os produtos e os establecementos máis xenuínos de Lugo da man dun experto gastrónomo.

 

Tras a publicación do volume dedicado a Ourense, elaborado polo chef Martín Álvarez (Premio Gourmand 2010 á “Mellor viaxe gastronómica” e libro finalista dos Premios da Edición de Galicia 2010), a Guía secreta da gastronomía de Galicia continúa o seu percorrido. Agora, pola provincia de Lugo. Nesta segunda entrega, a provincia máis extensa do país revélanos, da man do experto gastrónomo Miguel Vila, os seus tesouros culinarios: produtos, receitas, costumes máis xenuínos e lugares onde atopar toda unha identidade gastronómica, tantas veces descoñecida por propios e foráneos.

 

UN MUNDO XENUÍNO

A guía detense nalgúns dos mellores pans do país (Ousá, Mondoñedo, Martiñán…), en queixos de tres denominacións de orixe (San Simón, Arzúa-Ulloa e O Cebreiro) con outros menos populares e igual de xenuínos. Descúbrenos así mesmo como medir a gradación no picante dos pementos de Mougán ou fálanos de variantes antigas de patacas que aínda se sementan como a cazona ou a habanera. O autor viaxa polas peculiares receitas luguesas como as sardiñas arenques, o pato ao estilo Ribadeo, o bonito en rolo, os chanfainos ou chouláns, e recolle todo o universo da matanza. Remata, como non, coas sobremesas de sona, (como as tortas de Mondoñedo, Portomarín ou Guitiriz) e outros menos coñecidos como a colineta, cos renacentes viños do sur (da Ribeira Sacra) e as augardentes (Portomarín ou Quiroga).

 

SEIS TESTEMUÑOS MOI ESPECIAIS

Seis amantes da boa cociña completan este brillante traballo de Miguel Vila: o cociñeiro Iago Castrillón, os xornalistas Manuel Gago e Santiago Jaureguízar, o escritor Xabier P. DoCampo, a presidenta da Asociación de Sumilleres, Mercedes González, e a escritora Helena Villar Janeiro. Cada un deles revélanos un secreto gastronómico lugués moi suculento.