Autor

Mª Pilar García Negro

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) é escritora, sagaz investigadora e profesora da Universidade da Coruña. Ensino, cultura, literatura galega, políticas para as mulleres e política lingüística son os eixes sobre os que desenvolve a súa actividade profesional. Entre as súas numerosas obras publicou, en Alvarellos Editora, en 2010, o estudo introdutorio de "Gran Lugo de nebra. Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999", de Uxío Novoneyra; en 2013, o ensaio "'Cantares gallegos', hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro" (2013), que recibiu o Premio da Edición de Galicia ao Mellor Libro de Non Ficción do ano, e "No tempo de 'Follas novas'. Unha viaxe pola literatura universal" (2015), no que García Negro se ocupou do coidado da edición e convocou un excelente elenco de docentes e escritoras/es.

Libros do Autor

“Cantares gallegos”, hoxe

13,00 

Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro

 

Formato: 134 pp. 13×23 cms
ISBN: 978-84-89323-88-9

 

PREMIO DA EDICIÓN DE GALICIA ao Mellor Libro de Non Ficción do ano 2013

Ao cumprírense 150 anos da publicación de Cantares gallegos (Vigo, 1863), a profesora María Pilar García Negro leva a cabo unha posta ao día orixinal, realista e actualizada da obra que cualifica como o primeiro monumento da literatura galega contemporánea. “O noso intento foi explicar a Rosalía e explicar os Cantares… desmusealizándoos”, afirma García Negro. “O feminismo ilustrado e sempre socializado; o amor e a defensa afervoada da Galiza; o compromiso radical coas súas clases populares. A fórmula maxistral da escritora aliméntase destes mandatos”.

Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán

17,50 
Mª Pilar García Negro

 

Pp: 158. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-07-0

 

A profesora e investigadora María Pilar García Negro examina, neste ensaio, o feminismo de Emilia Pardo Bazán, a súa actitude ante a lingua e literatura galegas ou o trato que dispensou a Rosalía de Castro. Tamén analiza o xeito en que a autora coruñesa exercía de galega e a imaxe que proxectaba do país; e, por último, o seu posicionamento ideolóxico ou político. En todos estes asuntos, deixa falar á propia Pardo Bazán, quen irá retratándose a través da súas obras ou declaracións. Este volume presenta unha ollada ben diferente aos estudos e libros publicados ata hoxe sobre a recoñecida narradora.

Gran Lugo de Nebra

14,00 

Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999

 

ISBN: 978–84–89323–64–3
Páxs: 140
Medidas: 13×23 cms
Ilustracións: Xesús Blas Lourés, Tino Grandío e o propio autor.
Encadernación: capa dura
Data de publicación 1ª edición: novembro, 2010

 

O volume dedicado a Lugo que o poeta quixo facer en vida, pero que non chegou a ver. Inclúe 51 textos, en verso e prosa, escritos entre 1955 e 1999. Trece deles, inéditos. Con estudo de Pilar García Negro e ilustracións de Blas Lourés.

Ás veces canta o Norde unha pasión de lonxes i as murallas pechando un gran Lugo de nebra pechando abertas (…) Estes versos inéditos de Uxío Novoneyra (1930-1999) abren Gran Lugo de nebra, un volume que reúne, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou non publicada do autor sobre a cidade de Lugo. Eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira, di noutro intre.

Trece dos textos son rigorosamente inéditos: catro poemas e oito escritos en prosa. Esta é a obra sobre Lugo que o poeta —a quen este ano 2010 se lle dedican as Letras Galegas— quixo facer en vida, á que se referiu en varias ocasións dende comezos dos anos oitenta, pero que non chegou a ver publicada.

A profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro, leva a cabo un fondo estudo introdutorio sobre a obra de Novoneyra e a súa conexión coa cidade (“En Lugo, na miña ciudá, onde comencei a dormir normalmente”, escribe o poeta en 1960). E o pintor Blas Lourés ilustra, pola súa banda, algunhas das páxinas aquí rescatadas.

GRAN LUGO DE NEBRA abarca cinco décadas de vida e devoción pola cidade amurallada, dende 1955 ata 1999, ano do falecemento do escritor.

No tempo de “Follas Novas”

18,50 

UNHA VIAXE POLA LITERATURA UNIVERSAL

Mª Pilar García Negro, ed.

 

282 pp. 13 x 23 cms
ISBN 978-84-89323-97-1

 

Mª Pilar García Negro convoca un excelente elenco de docentes e escritoras/es nun libro coral. Nel leremos textos de autoras e autores contemporáneos de Rosalía de Castro, nun diálogo literario que arrinca  –como primeira obra escolmada– de Follas novas (1880).

Este ensaio demostra, con valentía e orixinalidade, como os debates ideolóxicos e estéticos no mundo do XIX están presentes na nosa escritora, e como, dende Galiza, se pode emprender unha viaxe á literatura universal.

 

COLABORAN NESTA OBRA

Eduardo Álvarez escolle e comenta a Guy de Maupassant

Anxo Angueira escolle e comenta a Arthur Rimbaud

Celia Mª Armas García escolle e comenta a Marchesa Colombi

Xosé Luís Axeitos escolle e comenta a Alphonse Daudet

Teresa Barro escolle e comenta a Frances Harper

Carlos Callón escolle e comenta a Júlia Lopes de Almeida

Marica Campo escolle e comenta a Castelo Branco | Verdaguer

Luís Cochón escolle e comenta a Christina Rossetti

Carme Fdez. Pérez-Sanjulián escolle e comenta a Eça de Queirós

Mª Pilar García Negro escolle e comenta a Clarín | Pardo Bazán

Mª Jesús Lorenzo Modia escolle e comenta a George Eliot

Kathleen N. March escolle e comenta a Harriet Beecher Stowe

Carlos Negro escolle e comenta a Curros Enríquez

Pilar Pallarés escolle e comenta a Emily Dickinson

Andrés Pociña-Aurora López escollen e comentan a José Martí

Francisco Rodríguez escolle e comenta a Oscar Wilde

Elvira Sanz Gómez escolle e comenta a Henrik Ibsen

Xoán Ignacio Taibo escolle e comenta a Liev Tolstoi