Autor

Henrique Alvarellos Casas

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e Máster en Medios de Comunicación pola UDC/La Voz de Galicia. Dirixe desde 2004 Alvarellos Editora, a empresa cultural que fundara seu pai en Lugo en 1977 e que hoxe é a vicedecana das editoras galegas. Desde decembro de 2020 preside a Asociación Galega de Editoras (AGE), o colectivo que integra 42 selos editoriais, o 90% da produción do sector en Galicia. Antes de ser editor, Henrique Alvarellos exerceu durante 15 anos como xornalista e comunicador. Ademais, é autor de varios libros, entre os que destacan Teoría de Lugo, Galicia en cen prodixios, Diario dun pai acabado de nacer, o conto infantil A nena que abrazaba as árbores ou a crónica Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Foi impulsor de iniciativas como a apertura ao público do Bosque do Banquete de Conxo de 1856 ou o 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia. Gústalle definir a súa editorial como “factoría de contidos culturais”.

Libros do Autor

[AGOTADO] Santiago, 1909

13,50 
Centenario da Exposición Rexional Galega [edición en rústica]

 

ISBN 978-84-89323-34-6
Medidas: 20,5×19,5 cm
Páxinas: 142
Encadernación: rústica
Papel: Estucado semi de 170 gr. cun verniz especial
Material gráfico: 60 fotografías (b/n) e 10 ilustracións (cor).
Idioma: Galego

 

A Expo de 1909 marcou época. Era tamén o primeiro Ano Santo do século e polo recinto (instalado ao suroeste da Alameda e no colexio San Clemente) pasaron en cinco meses máis de 53.000 persoas, o dobre da poboación de Santiago naquel intre.

Cen anos despois, aquela peculiar simbiose de arte e industria ben merece un rescate. O autor –o editor e xornalista Henrique Alvarellos Casas– viaxa á Galicia daqueles días para reconstruír a crónica da Exposición Rexional e recuperar do esquecemento preto de setenta fotografías e ilustracións únicas.

Este volume, que conta cun limiar da historiadora da Universidade de Santiago Margarita Barral Martínez, é o primeiro monográfico que se publica sobre a Exposición Rexional de 1909. A colección de imaxes e ilustracións aquí reunidas –máis de setenta– constitúe a máis completa editada ata hoxe.

traballo de documentación centrouse en diversas fontes arquivísticas e xornalísticas. O autor accedeu aos fondos de centros ou institucións onde posuían imaxes ou datos daquel evento: Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega, Arquivo Histórico maila Hemeroteca da Universidade de Santiago ou Palacio Real de Madrid. Para elaborar a crónica, foron consultados diarios e revistas da época dos anos 1909 e 1910: os diarios locais El Eco de Santiago ou Diario de Galicia, o xornal de Madrid El Imparcial ou o catalán La Vanguardia, ademais de revistas gráficas do momento como a viguesa Vida Gallega ou a madrileña Nuevo Mundo.

O resultado é un volume cunha edición moi coidada, encadernado en capa dura e impreso nun papel especial de alta gramaxe, dotado dun verniz que potencia a intensidade e o contraste das imaxes centenarias.

A nena que abrazaba as árbores

14,00 
Henrique Alvarellos | Ilustrado por Xulia Nieto

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN: 978-84-16460-79-3

 

As árbores teñen voz. E mans, mans con dedos. E senten. Vaia se senten! Dígovolo eu, que o sei ben.

Seino dende sempre. Cando mamá e papá me levaron ao bosque a abrazar a miña primeira árbore.
Abre este conto e entrarás nun bosque fascinante.

 

  • Idade de interese: +3
  • Nivel de lectura: +5

 

ARGUMENTO

Cando cumpriu tres anos, Lucía recibiu un agasallo moi especial de mamá e papá: unha árbore. Un precioso freixo que medra no pequeno bosque preto da casa. Visítao todas as semanas: obsérvao, úleo, fálalle e, sobre todo, abrázao. Álex, o mellor amigo de Lucía, é cego, mais xuntos descobren igualmente un mundo fascinante cheo de sensacións. Un día o freixo ponse maliño, pero a natureza sempre segue o seu camiño…

 

CLAVES PARA A LECTURA

Descubrir un bosque, pero tamén un parque ou un xardín, a través das súas árbores, é unha das actividades máis enriquecedoras para calquera idade.

Este álbum ilustrado convida a entrar nesta atmosfera natural e ir coñecendo e valorando a natureza única que temos tan preto das nosas casas e que pasa moitas veces diante de nós sen darnos de conta.

Abrazar unha árbore forma parte dunha práctica que xurdiu, como terapia, no Xapón nos anos oitenta: o shirin-yoku («baño de bosque»). Estendeuse por todo o mundo. Trátase de relaxar escoitando o bosque, tocando, ulindo, en calma… Álex, o amigo de Lucía, non pode ver, pero o bosque fascínaos por igual aos dous.

As ilustracións lévannos a penetrar neste universo natural e sensorial. Feitas con acuarelas e sutís trazos a lapis. Inspirados nelas, podemos facer nós tamén o debuxo da nosa árbore favorita, das súas follas e do lugar onde se atopa.

Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia

5,90 
Trinta autores arredor do libro e da edición en Galicia. Unha homenaxe ao fundador de Alvarellos Editora, Enrique Alvarellos Iglesias.

Páxinas: 148
Medidas: 20x 19
Idioma: galego
Primeira edición: maio 2007
ISBN: 978–84–89323–14–8
Ilustracións: Galería gráfica con fotos, documentos e recortes de prensa dende 1977 a 2007.
Limiar: “Notas para unha historia do libro en Galicia”, por Henrique Alvarellos Casas.

 

Volume conmemorativo dos trinta anos de existencia dunha das editoriais máis veteranas do país: Alvarellos Editora. Empresa familiar e independente creada en Lugo por Enrique Alvarellos Iglesias (1931-2004) en maio de 1977. Trinta e tres autores –escritores, xornalistas, editores, libreiros, profesores, promotores culturais, etc– reflexionan nesta obra sobre o libro galego e o mundo da edición en Galicia dende a Transición ata hoxe, e homenaxean, a un tempo, a figura irrepetible do fundador de Alvarellos Editora. O libro conta así mesmo co estudo introdutorio “Notas para unha historia do libro en Galicia, 1966-2007”, onde o actual editor da empresa, Henrique Alvarellos Casas, leva a cabo un percorrido cronolóxico sobre os feitos máis sobranceiros deste proxecto editorial. Finalmente, unha galería gráfica mostra, en fotografías, recortes de prensa e documentación varia, a xestación desta empresa e os seus trinta primeiros anos de vida. OS AUTORES Participan nesta publicación (por orde alfabética): Adolfo de Abel Vilela, historiador Xavier Alcalá, escritor Xesús Alonso Montero, catedrático emérito de Literatura Galega, ensaísta e polígrafo José Alonso Sánchez, xornalista de El Progreso Henrique Alvarellos Casas, editor e xornalista Luís Álvarez Pousa, xornalista e profesor de Xornalismo na USC Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega da Lingua Manuel Bragado, editor de Edicións Xerais de Galicia Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia Tucho Calvo, director de Biblos Clube de Lectores e redactor xefe de La Voz de Galicia Toño Castro, maxistrado Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros de Galicia Jesús Couceiro, libreiro Isaac Díaz Pardo, editor, artista e refundador de Sargadelos Afonso Eiré, director do semanario A Nosa Terra Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior e poeta Francisco Fernández del Riego, co-fundador da Editorial Galaxia Xesús Fraga, escritor e xornalista de La Voz de Galicia Xosé María G. Palmeiro, xornalista Alfonso G. Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores Bieito Ledo, editor de Ir Indo Antón Mascato, director adxunto de Nova Galicia Edicións José López Orozco, alcalde de Lugo Xesús Mato, crego rural Luís Pérez, xornalista e redactor xefe de El Correo Gallego Xosé Antón Perozo, escritor e xornalista Olivia Rodríguez, profesora de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela Xavier Senín, xornalista e subdirector xeral de Cultura da Xunta de Galicia entre 1987 e 2006 Anxo Tarrío, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da USC Marcos Valcárcel, catedrático de Lingua e Literatura Galegas e historiador Armando Vázquez Crespo, escritor e xornalista Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega » Intervención do editor Henrique Alvarellos Casas no acto do 30 aniversario da editorial (Lugo, 13 de novembro de 2007)

Federico García Lorca en Santiago de Compostela [Edición en castelán]

19,80 

Pp: 204. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-91-5

 

Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles.

Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira
ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela.

FASCINADO POR COMPOSTELA

Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia­­, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de La Barraca. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.

Este libro é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade.
En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.

UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES

O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos. E conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron por manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.

Federico García Lorca en Santiago de Compostela [Edición en galego]

19,80 

Pp.: 204. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-87-8

 

Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles. Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia­­, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de La Barraca. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.

Este libro, Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), escrito por Henrique Alvarellos, é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade.

En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.

UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES

O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos. E conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron por manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.