Autor

Gonzalo López Abente

Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) foi poeta, narrador, dramaturgo e activista cultural. Estudou Dereito na Universidade de Santiago e viaxou a países como Francia, Bélxica e Holanda. Despois intalouse no seu pobo natal, Muxía, onde traballou nun banco ata a súa morte. López Abente participou en todos os movementos culturais e políticos na Galicia do seu tempo. Colaborou en periódicos e revistas como El Noroeste, Nós, Rexurdimento, Ronsel, A Nosa Terra... Desde 1925 formou parte do Seminario de Estudos Galegos. Como poeta comeza coa publicación de Escumas da Ribeira e Alento da raza, nos que describe a paisaxe galega e a súa alma intimamente unida a el. En 1924 publica D'outono e en 1929, Nemancos. O mar está presente en todos os poemas da súa última obra poética en vida Centileos nas ondas (1958). Tras a súa morte, publicáronse outros dous libros de poemas: Decrúa (1966) e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca (1971). Polo que a narrativa se refire, comeza en 1919 con O diputado por Veiramar e continúa con O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), todas elas, novelas curtas de temática amorosa. Como autor teatral estreou en 1921 a obra de corte sentimental titulada María Rosa, que foi publicada en 1928. A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas en 1971.

Libros do Autor

BRETEMADA

20,00 

1917-1922 [Libro inédito]

 

ISBN: 978-84-89323-73-5
Páxinas: 227
Medidas: 13×21 cm
Idioma: galego
Ilustracións: varias fotografías —algunhas inéditas— do autor e reprodución das primeiras páxs. do mecanoscrito orixinal.
Encadernación: cartonado
Data 1ª edición: Setembro, 2011

 

“Un acontecemento literario de altísima importancia”. Así define este achádego editorial o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, no limiar a Bretemada, o poemario inédito de Gonzalo López Abente, o escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle adicaba o “Día das Letras Galegas”. O libro, integrado por cen poemas, foi escrito entre os anos 1917 e 1922. “Bretemada” é unha metonimia de Galicia. O mecanoscrito orixinal pertence á Real Academia Galega. O profesor e poeta Miro Villar é o responsable do estudo introdutorio e do coidado da edición. Esta obra, editada conxuntamente coa Fundación Gonzalo López Abente, súmase á Colección Rescate (volume nº 15), unha colección gañadora do Premio da Edición de Galicia en 2008 como “Mellor obra editorial do ano”. >> Ver as primeiras páxinas de Bretemada