Autor

Gaspard Talmasse

Gaspard Talmasse é un artista belga nacido en 1986. Apaixonado dende neno por debuxar cómics, licénciase en Artes Plásticas e inicia unha carreira como ilustrador independente e creador de tiras cómicas. Inspírase no cinema (para o que tamén ilustra), na fotografía e na música.

Libros do Autor

A miña familia 3+1=7

14,00 

Isha Bottin (texto) | Gaspard Talmasse (ilustración)

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN: 978-84-16460-59-5
Capa dura. Papel offset.
Cosido con fío vexetal.

IDADE DE INTERESE: +6

NIVEL DE LECTURA: +6

 

Dende Quebec (Canadá) traemos este novo conto Verdemar: A miña familia 3+1=7, que trata dunha familia un chisco diferente ás típicas ou comúns. Escrito por Isha Bottin, poderosamente ilustrado por Gaspard Talmasse e traducido dende o francés ao galego por María Reimóndez, esta historia demostra que moitas veces as dificultades da vida poden atopar un camiño de luz e esperanza.

 

TEXTO CONTRACAPA
Inspirado nunha historia real, este libro recolle as pequenas dificultades e grandes ledicias dunha familia un chisco diferente ás demais. Nesta historia a felicidade lévase no corazón e a esperanza sempre atopa o seu camiño. E xa sabedes, ás veces, 3+1 é igual a 7.

 

ARGUMENTO
Deixemos que explique a historia a propia autora, Isha Bottin: “Este libro está baseado na miña infancia. A miña irmá máis nova e mais eu perdemos o noso pai cando eramos pequenas e a nosa mai, que atopaba moi difícil convivir cos recordos del, decidiu cambiar de país. Foi así que acabamos en Ruanda,en África.

Por momentos, pode parecer que todo se esnaquiza, que a felicidade desaparece, que o amor non volverá aparecer xa máis. Que tiveches a túa oportunidade mais que che pasou o sol pola porta. Mais iso non foi o que aconteceu. Ao contrario. Pódese soñar que todo é posible, mesmo cando unha pensa que o perdeu todo. Cómpre non ter medo do futuro. Crer nel. Facer pola vida… Esta é a historia de tres mulleres que xermolaron xuntas, coa nosa nova familia”.

 

CLAVES PARA A LECTURA

É a historia dunha familia reconstituída que cambia de país e mesmo de continente. Fillos de dous matrimonios que, xuntos, viven primeiro conflitos ou desencontros, pero que axiña buscan un camiño común. O relato mostra a ledicia de descubrírense, de xogar xuntos e de saber que a harmonía e o amor poden xurdir se somos xenerosos e estamos abertos aos demais.

Traducido por María Reimóndez