Autor

Antonio Neira de Mosquera

Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823-1854) foi un dos precursores do Rexurdimento cultural de Galicia do último terzo do século XIX. Pertenceu a unha xeración de mozos universitarios, optimistas, loitadores, agrupados na Academia Literaria de Santiago (fundada en 1831), na que tamén atopamos a Añón, os irmáns Faraldo e Camino, Rúa Figueroa, Romero Ortiz... Tal e como recolle Xosé Ramón Fandiño no limiar de La marquesa de Camba, Neira de Mosquera cultivou todos os xéneros literarios (articulista, novelista, dramaturgo, crítico histórico e literario, monografías...). Como xornalista foi director de El Recreo Compostelano, con Antolín Faraldo como director adxunto. Para Benito Varela Jácome "Neira era el escritor más versado en la historia compostelana". Durante a súa estadía en Madrid colaborou, entre outros, no Semanario Pintoresco Español, revista ilustrada fundada por Mesonero romanos e na que tamén escribían Zorrilla, Fernán Caballero ou o Duque de Rivas. Morreu aos 31 anos de idade, en Compostela, un 9 de xullo de 1854. Xa case moribundo, ditara o seu derradeiro artigo, El poeta Sombra, a Benito Vicetto, un grande admirador seu.

Libros do Autor

GALICIA ANTE TODO

22,00 

PÁXINAS ESQUECIDAS DO REXURDIMENTO (1840-1853)

 

269 pp. | 21×13 cms | Cosido + Tapa dura
ISBN 978-84-16460-21-2

 

O escritor e xornalista Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823-A Coruña, 1854) é un dos grandes –e tamén esquecidos– protagonistas da primeira xeración de galeguistas, a que xurdiu na década dos anos corenta do século XIX: os chamados Provincialistas. O presente volume, titulado precisamente cunha das proclamas do autor —“Galicia ante todo”–, rescata vinte escritos de Neira de Mosquera, tanto xornalísticos coma literarios. Unha reveladora escolma onde se trazan as liñas básicas sobre as que se asentaría aquel movemento, a primeira xeración que loitou pola defensa e o rexurdimento de Galicia.
O filólogo Xurxo Martínez González, experto no XIX, é o responsable desta edición: ocupouse da selección dos textos e redacta un amplo e revelador estudo introdutorio que sitúa, no seu tempo, a figura clave de Neira de Mosquera. O prólogo asínao toda unha autoridade na materia, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.
“Ahora o nunca”, exclama o noso protagonista nun dos artigos aquí recollidos, porque a defensa do país non podía agardar máis. Era o mes de abril de 1851.

MARQUESA DE CAMBA, LA

5,90 

RECUPERADA A NOVELA HISTÓRICA DE 1848

Nº páxinas: 297
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: castelán (limiar en galego)
Saída desta edición: setembro 2008
ISBN: 978-84–89323–19–3
Encadernación: cartoné.
Edición ao coidado de Xosé Ramón Fandiño

 

Esta novela parte dun feito histórico: o asasinato, en xuño de 1366, ás portas da Catedral de Santiago, do arcebispo don Suero Gómez de Toledo mailo seu deán Pedro Álvarez. Un suceso que conmocionou á sociedade da época.

O xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera publicou a obra en Madrid en 1848. Os exemplares desa primeira edición foron axiña retirados pola censura, co que o libro pasou a ser un obxecto de culto, inexistente ata hoxe na maior parte das bibliotecas e arquivos.

A publicación que agora presentamos, ao coidado de Xosé Ramón Fandiño é a primeira dende aquela de 1848 (se exceptuamos a tradución ao portugués aparecida en Porto en 1852). A novela posúe o atractivo das mellores tramas de acción. Un asasinato que vai xermolando dende as primeiras páxinas entre traizóns, paixóns amorosas, vinganzas… e a clave deste tráxico acontecemento: as loitas polo poder entre dous irmanastros, Pedro I e Henrique de Trastámara.