A nosa historia

1969
NACE A REPROGRAFÍA ALVARELLOS

Alvarellos Editora principia a súa actividade no mes de maio de 1977 (Rexistro Nacional de Empresas Editoras nº 1.776/77). A nova empresa cultural abre as súas portas en Lugo coa novela Botei corenta anos, da que é autor Enrique Alvarellos Iglesias, fundador e director da propia editorial.



Primeiros libros da Reprografía Alvarellos

Pero oito anos antes, a finais de 1969, Alvarellos Iglesias abría xa unha imprenta reprográfica, verdadeiro antecedente da futura editorial. Do prelo de Reprografía Alvarellos saíron títulos como Diversas melodías para la celebración eucarística (1969), Fundamentos de Sociología (1971) de Manuel Cobeta, Las cantigas de escarnio y maldecir de Alfonso X (1973) de Epifanio Ramos, Genealogía y Heráldica (1973) de Luis Campo Fernández ou Los hijos de los conquistadores (1974) de Xosé L. Santos Lago, editados entón polos respectivos autores, pero que serviron de preámbulo para que, en 1977, Alvarellos apostase directamente pola publicación de libros. Na Reprografía imprimiríanse todos os volumes de Alvarellos Editora (máis dun cento de títulos) ata o ano 2002.

1977-1985
A INTENSA ACTIVIDADE DUNHA NOVA EDITORIAL

Naquela época —finais dos anos setenta—, Galicia e España enteira experimentaban, despois de corenta anos de réxime dictatorial, a chegada da democracia. Neste ambiente fundou Alvarellos a súa nova empresa. Eran moi poucas as editoras que funcionaban daquela en Galicia.

Dous claros obxectivos presiden, dende o primeiro intre, a actividade de Alvarellos Editora (que luce como lema “Loite connosco coa cultura”) :


• Durante a transición democrática, dar a coñecer a escritores novos da narrativa galega, nun momento no que as letras vivían neste país un segundo rexurdimento trala chegada das liberdades.

• Recuperar, por medio de edicións facsímiles, obras dos séculos XVIII e XIX que permanecían esquecidas e que, non obstante, forman parte da historia da nosa Terra.

Presentación de Alvarellos Editora. Lugo, 17/06/1977


A NOVA NARRATIVA GALEGA

Durante os primeiros anos de funcionamento da editorial (ubicada nos baixos do número 1 da praza Comandante Manso de Lugo, onde compartía espazo coa Academia Alvarellos e cos talleres reprográficos), o esforzo concentrouse na NOVA NARRATIVA GALEGA: Xabier Alcalá (A Insua), Manuel María (Catavento de neutrós domesticados), Xabier Rodríguez Barrio (Antífona da Redención), Antón Risco (Pensamento de Vicente Risco), Colectivo Fuxan os Ventos (Galicia canto ao neno. Cen panxoliñas), Xosé Lois García (Castelao i Catalunya), Xosé Moreiras Santiso (Os 1001 refráns do Home e Os 1001 refráns da muller), Colectivo Limbo (Nova alternativa cultural galega)...


Estes foron algúns dos títulos editados durante 1977 e 1978, unha intensa etapa na que a editorial chegou a publicar preto das vinte obras anuais.

ENSAIOS E PUBLICACIÓNS TÉCNICAS

Paralelamente iniciouse unha colección de ENSAIOS con El Mariscal Pardo de Cela de Eduardo Pardo, Lugo en sus orígenes de Narciso Peinado, ou Onomástica Persoal do Noroeste Hispano, de Eligio Rivas Quintas. Xunto a eles, a magna obra Bandas de Música de Galicia, un ensaio de máis de 1.000 páxinas realizado polo propio Enrique Alvarellos Iglesias e que sería finalista do Premio á Investigación de Galicia en 1987.

Na actualidade forman parte do catálogo, libros técnicos como Xoguemos coas matemáticas na ESO, de Cecilia Alvarellos Casas ou, Nueva técnica de dirección de orquesta, coro y banda, de Francisco Navarro Lara.

OS FACSÍMILES DOS SÉCULOS XVIII E XIX

No eido das publicacións FACSÍMILES, Alvarellos Editora comezou a súa actividade coa publicación dos sete tomos da Historia de Galicia de Benito Vicetto, editados en rústica e a un prezo sen competencia —xa para 1978— de 3.500 pesetas (os sete volumes). O Almanaque da Inquisición, a Arte de destilar aguardientes y Licores, a Historia da Música Antigua ou Puntos negros del descubrimiento de América foron outros dos títulos saídos do prelo de Alvarellos.

A finais dos anos oitenta principiou a Colección Facsímiles do Século XVIII, onde foron vendo a luz, encadernadas e impresas a todo luxo, as Obras completas do Cura de Fruíme (sete tomos), os 12 tomos correspondentes a Galicia da monumental España Sagrada, a primeira historia barroca de Lugo (Argos Divina), a Arquitectura de Vitrubio, ou a Historia del Pueblo Hebreo, entre outros, títulos todos eles que seguen a integrar hoxe a Colección Facsímiles do catálogo editorial.

Os tres catálogos históricos da editorial

Dende a súa orixe, Alvarellos Editora foi unha empresa familiar. O seu fundador soía ironizar definindo a súa editorial como “sociedade limitadísima”. Moitos dos libros eran concebidos, maquetados, impresos e distribuídos polo propio editor. Polo tanto, moito sacrificio e extraordinaria ilusión pola cultura e identidade de Galicia foron os ingredientes básicos para manter a actividade desta empresa durante as tres longas décadas nas que estivo dirixida por Enrique Alvarellos Iglesias.

(En 2002 celebráronse, coa publicación do Catálogo de Facsímiles do século XVIII, as Vodas de Prata da editorial)


Colección Rescate en 2013

2005
PRINCIPIA UNHA NOVA ETAPA

Tralo pasamento do seu alma máter, en xuño de 2004, a responsabilidade da empresa pasou a unha segunda xeración de propietarios. Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968), xornalista e autor de varios libros, é o director dende ese momento. A actividade empresarial desenvólvese, dende este intre, entre Lugo e Santiago de Compostela. A empresa continúa a ser familiar, leva con orgullo o feito de ser unha das tres editoras máis veteranas de Galicia, e afronta o século XXI con criterios de expansión e modernidade.

Nesta liña, Alvarellos Editora comezou o ano 2005 relanzando a súa colección de Facsímiles (reedicións da España Sagrada, Obras Completas do Cura de Fruíme ou a Arquitectura de Vitrubio) e a Colección Clásicos (comezando coa obra Bandas de Música de Galicia) e poñendo en marcha a nova colección “Rescate”, unha serie de volumes nos que se recuperan textos esquecidos de plumas senlleiras da nosa cultura. O primeiro deles —que saíu á rúa en abril de 2005— é o libro Viajes y yantares por Galicia, que recolle 37 artigos perdidos de Álvaro Cunqueiro, publicados nos anos cincuenta e sesenta na popularísima revista Vida Gallega.